Xoán Noya, in memoriam

Xurxo Martiz Crespo - 29 Out 2018

Morreu o mozo  Xoán Noya, exviceministro para Asia, Medio Oriente e Oceanía do Ministerio de Relacións Exteriores da revolución bolivariana e un dos fundadores do movemento xuvenil dentro do PSUV.

Xoán levaba o nome do seu bisavó, Xoán Noya Gil, fundador na Guarda (Pontevedra) da Sociedade Obreira, membro do Partido Galeguista e autor durante o seu exilio en Venezuela de Fuxidos, onde narraba a súa vida de preso, perseguido e exiliado, o asasinato do seu irmán Manuel...

A familia Noya foi un dos alicerces do nacionalismo galego en Venezuela. Foron eles os que enviaron a Celso Emilio Ferreiro cun contrato á Irmandade Galega de Caracas. Na súa casa residiu o poeta e a filla de represaliados Pura Vázquez. No porto de La Guaira esperaban a chegada de Xosé Sesto e participaron activamente na fundación da Irmandade.

Pero eu quero falar de Xoán, o meu alumno do colexio Castelao de Caracas, que unha vez, noviño, felicitárame polo «Día de la amistad». O ano pasado por correo electrónico contábame do seu recente matrimonio, do roubo da súa gaita en Caracas, das súas loitas pola revolución , dos insultos constantes. Humildemente, dende a trincheira do lonxe,  deille pulos para seguir porque eu estaba, estou, convencido da verdade deste proceso único, cheo de erros, de agresións externas, de mentiras, pero profundamente xunguido ao pobo venezuelano.

Para Xoán o fácil sería non facer nada. Non dar a cara. Instalarse na comodidade do «meu», acomodarse na inercia da súa clase social, emigrar a «España». Xoán colleu o camiño difícil, o camiño imposíbel, ese que dicía Farruco Sesto que, aínda perdéndoo, pagaba a pena telo intentado.

Querido Xoán, despediuse de ti cunha tristura sincera desde o presidente Maduro até o máis humilde venezuelano. Eu, que fun o teu profesor, o teu amigo, o teu camarada, despídome coma ti o fixeches no teu derradeiro correo: «¡Hasta la victoria siempre, camarada!»