Xa se pode visitar na Coruña a mostra "O Sindicalismo Galego na Transición (1972/1977)"

No Pavillón de Estudantes da Universidade até o 13 de xaneiro
A Coruña - 27 Dec 2016

A Fundación Moncho Reboiras presentou este martes na Coruña a exposición "O Sindicalismo Galego na Transición (1972/1977), na que se fai un percorrido pola xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego nos últimos anos do franquismo e na transición. A mostra poderase visitar no Pavillón de Estudantes da UdC (Campus de Elviña) até o próximo 13 de xaneiro.

O acto de inauguración da exposición, que xa pasou por Ferrol e posteriormente será exhibida en Compostela, contou coa participación de Manuel Mera, Director da Fundación Moncho Reboiras, e Goretti Sanmartín, Vicepresidenta e Deputada de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña (institución que colaborou economicamente na organización deste proxecto).

Período fundamental

Mera subliñou a importancia fundamental deste período histórico para a configuración do nacionalismo galego, neste caso concreto do nacionalismo no ámbito sindical. Un período, apuntou, no que se tomaron as decisións correctas, tal e como o demostra "o feito de termos hoxe unha central sindical como a CIG, a punto de ser primeira forza en Galiza en número de delegados/as e que dende hai anos é a primeira en afiliación e capacidade mobilizadora. Isto é produto de todas esas decisións políticas dos anos 70".

Conferencia o mércores 28

A Fundación ten programada para este mércores, 28 de decembro, unha conferencia a cargo do historiador Uxío-Breogán Diéguez, sobre “Nacionalismo galego e cuestión obreira no tardofranquismo (1969 a 1975)”. Terá lugar na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16), ás 20:00 horas.

Destacou a relevancia de varios feitos do momento, como as grandes folgas do ano 72, no que ademais comezan a aparecer as contradicións na central hexemónica naquel momento, CCOO, que cristalizarían coa sinatura dos Pactos da Moncloa e a división do movemento obreiro.

"Por un lado, as centrais que están pola transición (e iso no movemento obreiro significa a renuncia a gran parte das reivindicacións e a ter un protagonismo central no cambio político), e por outra parte aquelas centrais sindicais, como as do ámbito do sindicalismo nacionalista, que optaron pola ruptura. Iso marcará a nosa historia anterior e posterior", aseverou.

Neste senso, o Director da Fundación Moncho Reboiras quixo salientar o esforzo, a vontade e a entrega "dunha gran cantidade de compañeiros e compañeiras que, sendo moi novos/as, puxeron por diante de todo cambiar a realidade do noso país".

13 paneis, un caderno e un vídeo-documentario

Esta exposición, consistente en 13 paneis nos que se aborda cun enfoque divulgativo a xénese, desenvolvemento e consolidación do sindicalismo nacionalista no contexto de pulo do movemento obreiro galego nos últimos anos do franquismo e na transición, forma parte dun proxecto de divulgación cultural que pon en valor o traballo de arquivo e documentación histórica da Fundación Moncho Reboiras, depositaria do arquivo da CIG e de fondos do sindicalismo nacionalista.

O proxecto está conformadado por esta exposición, pola edición dun caderno divulgativo de 32 páxinas do cal se editaron 5.000 exemplares, e a realización dun vídeo documentario de 15 minutos.