Xa se pode solicitar praza nas escolas infantís de 0-3 anos da Axencia Galega de Servizos Sociais

Poderanse presentar as peticións de renovación ou novo ingreso até o vindeiro 25 de marzo

A Coruña -

A Secretaría das Mulleres da Confederación Intersindical Galega (CIG) informa que se vén de abrir o proceso para a adxudicación de prazas nas Escolas Infantís de 0 a 3 anos dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, para o curso 2016/17. Dende a central sinalan que na mesma resolución tamén se regula a solicitude do Bono Concilia (anterior cheque infantil), dirixido ás persoas solicitantes que non obteñan praza nestas escolas.

Para conseguir unha praza é requisito imprescindíbel que a crianza teña a súa residencia en Galiza e xa nacera no momento da presentación da solicitude. Así como que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso e non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2016.

As nenas e os nenos escolarizadas/os durante o curso 2015/16 en calquera das escolas infantís dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais terán dereito á renovación automática da súa praza.

O horario de apertura das escolas infantís para o curso 2016/17 e a relación das mesmas, xunto cos seus enderezos pódese consultar no anexo VII da resolución publicada no DOG (pódela descargar no documento adxunto a esta nova), nos taboleiros de anuncios dos servizos de  Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da xefatura territorial correspondente e na  páxina web: http://benestar.xunta.es.

O curso escolar 2016/17 dará comezo o día 5 de setembro.

Lembra que nesta resolución tamén se regula a solicitude do Bono Concilia (anterior cheque infantil), dirixido ás persoas solicitantes que non obteñan praza nunha destas escolas.

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 25 de marzo.

Volver