Vietnam foi a demostración palpábel de que o imperialismo norteamericano non era invencíbel no campo de batalla, a pesar do duro sufrimento que este inflixiu ao coraxoso pobo vietnamita
En abril de 1975 caía Saigón, o que implicou o remate da guerra de Vietnam; dous anos antes as forzas norteamericanas retiraranse oficialmente, e no ano 1976, en xullo, hai pouco máis de medio século, como pasa o tempo, remataba o proceso coa unificación do norte e sur do país. Foi a primeira derrota que sufriu os Estados Unidos (USA) en toda a súa historia. E o que resulta máis ilustrativo é que fose a mans dunha pequena nación, cun potencial económico e militar moito menor; facendo realidade o mito de David e Goliat.
A finais da década dos sesenta e principios dos setenta eran comúns na nosa linguaxe cotiá os nomes de Saigón, Hanoi, Hue, Danang,... como hoxe son Teherán, Gaza, Qatar, Riad, Kiev... Sen dúbida, como a desenvolveu a guerra de Vietnam contribuíu en boa medida a dar pulo á esquerda revolucionaria e aos movementos de liberación nacional durante dúas décadas, sumándose deste xeito ao triunfo da guerra de liberación China, o proceso de descolonización de Asia e África, e a Revolución Cubana. Mesmo a Revolta de 1968 en Francia, aínda sendo resultado de dinámicas propias deste país, estivo tamén influenciada por este auxe revolucionario. Mais, naquel intre, coido que tamén hoxe, a cerna dos cambios estaba centrada na periferia.
En 1974 Vietnam do Norte apenas tiña vinte e tres millóns de habitantes, Vietnam do Sur vinte millóns, fronte aos 214 millóns dos Estados Unidos. Ademais, aínda que hoxe está esquecido, daquela alén das tropas pro americanas do exército de Vietnam do Sur e estadounidenses había continxentes de moitos outros países, como Australia, Corea, etc. É verdade que os rebeldes vietnamitas contaban co apoio económico e militar de China e Rusia, porén o esforzo sobre o terreo e a estratexia triunfante foi exclusivamente vietnamita, que ademais de ser inferior en número tiña un potencial de fogo por unidade moito máis baixo. Polo tanto non podemos ignorar neste éxito ao pobo, á vontade colectiva de liberarse da ocupación estranxeira. Tampouco pódense esquecer a tres grandes dirixentes: Ho Chi Minh, Nguyen Giap e Le Duan.
Ho, considerado o pai da patria, fundou o partido, organizouno e deulle unha estratexia axeitada á conxuntura ao que era un difuso e minoritario anceio popular durante a colonización francesa. Aproveitando axeitadamente a ocupación xaponesa durante a Segunda Guerra Mundial. Giap, historiador, foi o estratego militar invencíbel, que ía coñecer moi cedo sona coa toma da fortaleza de Dien Bien Phu (en Laos), cando venceu o sete de maio de 1954 ao exército expedicionario francés que pretendía recuperar o centro e norte de Vietnam. Le Duan, secretario do Partido, de 1969 ate 1986 ano no que faleceu, ou sexa, durante os momentos máis duros e nos que se conseguiría a vitoria. Os tres deixaron escritos sobre os seus obxectivos e como enfrontar con éxito momentos tan críticos dende unha situación tan adversa.
A guerra de Viet Nam foi cruel; para dar unha idea só dende o día 18 de decembro de 1972 até o trinta dese mes os avións norteamericanos guindaron sobre chan vietnamita 40.000 tn de bombas e realizaron 15.000 voos. Segundo os Estados Unidos morreron na guerra 57.277 soldados norteamericanos, 188.000 sur-vietnamitas e 920.000 norvietnamitas, foi estragado o 70% da infraestrutura industrial e de comunicacións de Vietnam do Norte. Outros informes, que inclúen as baixas civís, falan de tres millóns de mortos vietnamitas.
A esta altura, o que parecía unha historia que sería moi difícil que se volvese a repetir, xa que semellaba que tivera máis peso na retirada o desexo dos Estados Unidos de sacar do medio un conflito que ademais do custo económico e os miles de militares mortos e feridos, non tiña saída (ademais da incidencia en Camboxa e Laos). Mais, o certo é que foi inicio do cambio de tendencia respecto do imperialismo norteamericano. Así o amosan a retirada das tropas “occidentais” que ocupaban Afganistán en 2021 e o desenvolvemento da confrontación neste intre con Irán.
[Galiza, 27 de novembro de 2026]