Vía Galega presenta o Congreso "Recoñecemento Internacional de Galiza Nación"

Terá lugar o vindeiro día 16 de setembro no Museo do Pobo Galego
Nacional - 12 Set 2023

A Plataforma Social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza, Vía Galega, presentou esta mañá, en rolda de prensa, o Congreso que, baixo o título "Recoñecemento Internacional de Galiza Nación", se desenvolverá no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o día 16 de setembro.

Segundo explicou o coordinador da plataforma social, Anxo Louzao, que compareceu acompañado de, Lucia Veciño, membro da coordinadora nacional, para Vía Galega é motivo de máxima  satisfacción a excelente acollida que tivo o congreso. Neste sentido, lamentou, por limitación no aforo, non poder satisfacer todas as solicitudes para poder asistir.

90 aniversario

Louzao lembrou que a data da celebración do congreso é porque precisamente o 16 de setembro deste ano se cumpren 90 anos da participación no IX Congreso das Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna, os días 16 ao 19 de setembro de 1933 e que supuxo o recoñecemento internacional de Galiza Nación. Así, explicou que a pretensión da plataforma social é “conmemorar e achegarnos, a un acontecemento relevante da nosa historia, analizarmos os antecedentes, o contexto político e as propostas nacionalistas daquela época”. Mais tamén salientar a transcendencia daquel fito “para o recoñecemento internacional e proxección exterior da nación galega, destacando o papel fulcral de Plácido Castro neste cometido”.

O coordinador e Vía Galega incidiu no contido da declaración presentada ao IX Congreso  de Nacionalidades Europeas pola delegación galega, na que se afirmaba que “Galiza era unha nación ben definida e tiña dereito a decidir por si mesma o seu futuro”.

Xunto a isto aseverou que o Partido Galeguista, do cal Plácido Castro foi secretario de relacións internacionais, “consideraba a integración de Galiza nun escenario mundial  en pé de igualdade co resto das nacións” e que o que os movía era proclamación dos dereitos que lle asistían a Galiza como nación. “Pretendían articular alternativas en todos os ámbitos, dar a coñecer os anceios de liberdade de Galiza e situarse no panorama internacional como nación, desde unha visión antiimperialista, pacifista e en pé de igualdade co resto das nacións.  Alicerces que continúan a definir ao  nacionalismo galego actual”, afirmou.

Anxo Louzao salientou que para construírmos o futuro “precisamos coñecer o pasado e actuar no presente”. Por iso, Vía Galega considera necesario atender e analizar todo o que nos foi conformando como galegos e galegas. “Coñecer a nosa historia, secularmente negada, silenciada e terxiversada, reforza a autoestima colectiva, promove a conciencia nacional, contribúe a reclamar os dereitos nacionais que nos asisten como Pobo e certifica a nosa existencia  nacional. Este é o próposito de Vía Galega  e este é o próposito  deste congreso”, concluíu o seu coordinador.

Programa

O  programa, que se desenvolverá ao longo de todo o día sustentado nun destacado elenco de relatores e relatoras tanto no campo académico, investigador e político, aportará diferentes claves para afondar no coñecemento da nosa historia; interpretar a actual realidade política; reforzar a colaboración das forzas nacionalistas e soberanistas do estado e superar o actual marco político Estatal, que supoña un status político de nación para Galiza.

Ao longo do día, desenvolveranse 5 conferencias e unha mesa redonda cos seus respectivos coloquios.

  • 9:45 /10:00.- Presentación do congreso.
  • 10:00 / 10:50.- A Sociedade de Nacións e o recoñecemento internacional de Galiza nación en 1933. Xosé  Estévez. Profesor de universidade e historiador.
  • 10:50 / 11:40.- O nacionalismo galego no primeiro terzo do s. XX. Das Irmandades da Fala ao Partido Galeguista (1916-1936). Uxío Breogán. Profesor e director da Cátedra de Memoria Histórica da UDC.
  • 10 / 13:00.- A significación de Plácido Castro na proxección internacional de Galiza. A voz galega no exterior. Rubén Lois, Catedrático de Xeografía da USC-
  • 13:00 / 13:50.- A Unión Europea como supraestado nesta etapa do capitalismo monopolista. María do Carme Garcia Negro. Profesora de Universidade e directora do Centro de Documentación Europeo da USC.
  • 16:30 / 17:20.- Galiza: o marco político actual e a súa necesaria superación. Francisco Rodríguez.  Profesor e ensaísta.
  • 17:20 / 19.00.- As nacións sen estado na actual Europa. O dereito de autodeterminación dos Pobos. Olaia Duarte, sendora electa de Bildu. Montserrat Fornells,deputada ERC no Parlament de Catalunya. Néstor Rego Candamil, deputado do BNG no Congreso de Deputados.

Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.