Venezuela: o golpe de Estado perde forza

Miguel Ángel Ferrer - 28 Mar 2016

En Venezuela a loita está en curso e non hai indicios sólidos dunha vitoria da dereita pro ianqui. A artillería mediática lanzada sobre Maduro non pode lograr o que non permiten as condicións internas venezolanas

 Un pouco antes da visita de Barack Obama a Cuba, a illa recibiu o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro. Ambos foron recibidos como o que son: xefes de Estado, de xeito que internacional, política e diplomaticamente a mensaxe é clara: Maduro é tan presidente lexítimo e en funcións como o é Obama. E ambos os mandatarios son igualmente chave nas relacións internacionais do goberno cubano.

 Coa visita case simultánea do estadounidense e do venezolano Cuba deixa en claro que, malia a campaña de desestabilización contra o goberno de Nicolás Maduro a cargo da dereita crioula e da Casa Branca, Venezuela ten un goberno pleno, con pleno recoñecemento internacional. Certamente a xogada cubano-venezolana foi maxistral.

 Este evidente respaldo internacional no mesmo fociño do xefe do imperio contribúe a fortalecer a Maduro e, consecuentemente pero á inversa, a debilitar á plutocracia venezolana nos seus esforzos por derrocar o sucesor de Hugo Chávez. Así, o golpe de Estado contra Maduro perde forza e afástase.

 É certo que nas conversacións oficiais entre Obama e Raúl Castro non estivo o tema do proceso de desestabilización do goberno de Venezuela. Pero si o estivo na axenda política, diplomática e internacional de Estados Unidos e de Cuba, aínda que non o estivo expresamente. Pau dado nin deus o saca. E o pau dado á dereita venezolana coa recepción de Maduro na Habana, horas antes da chegada de Obama á illa, ten e terá efectos favorábeis para o goberno venezolano na súa loita contra os intentos de derrocamento de Maduro.

 Na loita política en curso en Venezuela, a dereita crioula e Estados Unidos puxeran especial énfase na satanización e a condena internacionais do goberno bolivariano. E pode dicirse que dereita e imperialismo lograran certo e innegábel éxito. Mais a recepción a Maduro en Cuba e o silencio de Obama respecto diso puxeron de novo a balanza en equilibrio. Aos golpes mediáticos da dereita crioula e internacional contra Maduro, un poderoso golpe mediático no seu favor por conta do goberno de Cuba nun momento político en verdade crucial.

 Un escenario internacional desfavorábel para Venezuela lubrica os esforzos da dereita e o imperialismo para o derrocamento de Maduro. Por iso este e o seu goberno teñen que dar o combate na area internacional, como acaba de facelo Maduro coa súa visita a Cuba nun momento estelar para Obama, con todos os reflectores internacionais sobre eses sucesos habaneiros.

 Xulgado só mediaticamente, Maduro podería parecer xa un presidente derrocado. Iso pasa cando os medios distorcen interesadamente os feitos e os seus contextos. Mais os sucesos habaneiros demostraron que iso é só unha aspiración da plutocracia venezolana e da Casa Branca. En Venezuela a loita está en curso e non hai indicios sólidos dunha vitoria da dereita pro ianqui. A artillería mediática lanzada sobre Maduro non pode lograr o que non permiten as condicións internas venezolanas.

 E contrarrestado o ataque mediático, as cousas terán que se resolver segundo a correlación de forzas internas e externas. Nestas, Maduro acaba de se apuntar un éxito. E polo que toca ás condicións internas, o escenario é bastante máis favorábel para Maduro do que o que pintan os medios ligados á dereita venezolana e aos países imperialistas, empezando polo Estado español e Estados Unidos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘TeleSur’, do 24 de marzo de 2016]