Varios milleiros de persoas rexeitan cunha manifestación en Santiago a agresión ianqui a Venezuela ao berro de “o imperialismo é terrorismo”

A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez xunto a unha vintena de organizacións, percorreu as principais rúas da capital de Galiza este mediodía
Nacional - 10 Xan 2026

Máis de 2.000 persoas mobilizáronse hoxe en Santiago de Compostela ao berro de “o imperialismo é terrorismo” para rexeitar a agresión militar dos Estados Unidos a Venezuela e esixir a inmediata posta en liberdade do seu presidente, Nicolás Maduro, e da deputada Cilia Flores. A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) e unha vintena de organizacións políticas, sociais e sindicais -entre elas a CIG- baixo o lema ‘Non ás agresións ianquis a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, percorreu as principais rúas da capital galega ao mediodía para trasladarlle unha mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo venezolano que resiste fronte aos ataques do imperialismo estadounidense.

A manifestación, na que participou o cónsul de Venezuela en Galiza, Martín Pacheco, arrincou da Alameda pasadas as 12:00 horas para denunciar que o que está a acontecer no país caribeño constitúe unha violación grave do Dereito Internacional e do sistema multilateral, ademais de vulnerar a Carta das Nacións Unidas e do seu principio de prohibición do uso da forza contra a integridade territorial dun Estado. A intervención dos EUA en Venezuela é un ataque contra o seu dereito á soberanía nacional e trátase dunha manobra “ilegal” xa que carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU.

Ao remate da marcha, xa na Praza de Praterías, deuse lectura ao seguinte manifesto:

O 3 de xaneiro o mundo foi testemuña duns actos brutais en Venezuela. Os Estados Unidos de América abordaron o territorio venezolano, mataron a máis de 100 persoas e destruíron almacéns de medicinas e servidores informáticos da universidade.

Este ataque non é un feito illado senón a culminación de décadas e inxerencia estadounidense nos asuntos internos de Venezuela, especialmente desde que o comandante Chávez chegou ao poder e promulgou a Lei de Hidrocarburos, destinando a renda petroleira ao benestar do pobo venezolano.

Este ataque incumpre numerosas normas de dereito internacional:

  1. Violación da Soberanía Territorial, Prohibición do Uso da Forza, Violación do Principio de Non Intervención.

  2. Vulneración da Inviolabilidade do Xefe de Estado.

Os argumentos para xustificar esta intervención foron falsos e ademais cínicos:

  1. Narcotráfico:

Falaban de loita contra o narcotráfico, pero mentres atacaban Venezuela indultaban a Juan Orlando Hernández, ex-presidente de Honduras, condenado polos tribunais estadounidenses a 45 anos por narcotráfico.

  1. Presidente ilexítimo:

Fixeron crer a moita xente, algúns incluso con boa fe, que as elección de 2024 foran gañadas en Venezuela pola oposición. Agora mesmo o propio presidente dos Estados Unidos recoñece publicamente que a oposición venezolana carece de apoio popular, lexitimidade e respecto, o que fai insostíbel esa narrativa.

Pero por se alguén tiña dúbidas sobre cales eran as intencións do Imperio, xa antes de que o presidente Maduro chegara como prisioneiro de guerra a Nova York, Donald Trump expuxo claramente por segunda vez en poucas semanas que o que quería de Venezuela era petróleo gratis e apropiarse do resto de recurso naturais, volvendo de forma ostentosa a doutrina Monroe para converter Venezuela nunha colonia do imperio americano.

Esta política quere impulsar o patrón dólar como única moeda de referencia, dado que xa desde hai máis de un ano o comercio internacional de Venezuela se estaba a realizar noutras moedas, o que supón un risco para unha economía estadounidense que co patrón dólar ve alimentada a súa conta de ingresos.

Este ataque inicia unha nova época na que de forma groseira os EUA pretenden exercer o imperialismo xa sen sequera gardar as formas. Ninguén pode levarase a engano e por iso non é o momento de ser mornos ou ambiguos.

É hora de denunciar con firmeza estas practicas imperialistas e solidarizarnos co pobo venezolano.

Pero tamén co conxunto dos pobos de América Latina que viven bloqueados polos Estados Unidos de América, algúns desde hai décadas como o caso de Cuba. E outros que sofren ameazas como Colombia ou México.

Así como con Oriente Medio e co continente africano, que veñen sufrindo constantes agresións imperialistas. E como non co pobo palestino, que padece un xenocidio por parte do goberno sionista de Israel amparado por Donald Trump e Marco Rubio.

Isto non é só sobre Nicolás Maduro. Isto é sobre se aceptamos a aplicación da lei do máis forte, da forza bruta impoñéndose sobre as regras mínimas de convivencia dos pobos e no marco da normativa internacional.

Non podemos resignarnos a que os pobos sexan vítimas dos caprichos e desexos do novo imperialismo. O mundo ten experiencias. No século pasado este tipo de “aventuras” remataron con cruentas guerras.

Por iso erguemos a voz para:

1) Esixir con firmeza dentro do respecto á soberanía dos pobos.

  • A liberación inmediata e segura do presidente Nicolás Maduro Moros e de Cilia Flores.

  • O cesamento total da agresión militar imperialista e o respecto absoluto á integridade territorial da República Bolivariana de Venezuela. República que acolleu a miles de galegos nos anos da fame franquista e a revolucionarios galegos como Xosé Velo.

  • Que a comunidade internacional actúe con firmeza e sen ambaxes. Que condene de forma unánime esta violación e traballe para restaurar a lexitimidade baseada no dereito e na soberanía popular.

  • Cesamento inmediato das inxerencias no resto das nacións. Respectando o dereito á soberanía dos pobos e non intervención en cuestións internas e externas.

Hoxe o pobo galego consciente que participa nesta mobilización de dignidade e antiimperialismo quere MANIFESTAR a ROTUNDA CONDENA aos Estados Unidos de América e ao goberno de Donald Trump pola agresión militar e intervención en Venezuela. E o apoio á presidenta encargada, Delcy Rodríguez, que con dor asumiu esta misión, no marco da Constitución venezolana.

E como non, enviamos as nosas condolencias aos familiares das persoas mortas. Saudamos con honra aos militares venezolanos falecidos e tamén aos civís e enviamos unha enorme aperta aos amigos cubanos como exemplo de solidariedade internacionalista e sempre no apoio dos procesos revolucionarios, sexan en países de África ou en Venezuela.

O imperialismo non pasará sen oposición, aquí está a mostra real de dignidade. Desde Galiza enviamos unha mensaxe clara ao mundo: IMPERIALISMO, NUNCA MÁIS!