Varias unidades de extinción de lumes traballan sen motobombas polos fallos detectados nos vehículos

A CIG-Autonómica alerta dos riscos para o persoal do SPDCIF e exixe a convocatoria do Comité de Prevención de Riscos Laborais

Compostela -

O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar que varias unidades dos servizos de extinción de incendios forestais teñen que facer o seu traballo sen poder contar con motobomba debido aos fallos detectados na última remesa entregada á Xunta de Galiza. Alertan da mingua do dispositivo en época de máximo risco e máxima carga de traballo pola inmobilización dos vehículos sen aportar outra solución.

A CIG-Autonómica denuncia ademais que desde o goberno non contactaron cos representantes dos/as traballadores/as para explicar as causas destes fallos que “afectan á eficacia na defensa dos montes contra a vaga de lumes e que, ademais, están a pór en risco as vidas das traballadoras e traballadores dos servizos de extinción de incendios (SPDCIF), comezando polos condutores das motobombas e continuando con todo o persoal que fai o seu traballo na extinción, ao non contar co apoio destes vehículos”.

Segundo a información da que dispoñen, inmobilizáronse varias destas motobombas nos distritos de Ourense, Deza-Tabeirós, O Condado-Paradanta e Caldas-O Salnés.

“Tivemos coñecemento de que en algún caso o afectado foi o sistema de freado, poñendo en risco a vida tanto de condutos, como dos alí presentes”, explican. Xunto a isto tamén se detectaron problemas na refrixeración do motor, provocando que rebentase o vaso de expansión pola suba da temperatura.

Por iso reclaman a inmediata convocatoria do Comité de Prevención de Riscos Laborais e solicitan que a Consellaría de Medio Rural aclare a situación e explique o que vai facer co resto das motobombas entregadas nesta última remesa ou se aínda as teñen en funcionamento.

Volver