Urxen un cambio “urxente e radical” das políticas públicas de protección do rural “por un monte galego vivo e con futuro”

Máis de 70 entidades asinan un manifesto cun decálogo de medidas concretas para evitar que os incendios “se convertan nunha condena perpetua”
Nacional - 09 Xul 2026

A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, da que a CIG fai parte, presentou hoxe en Santiago de Compostela un manifesto asinado por máis de 70 entidades no que se expresa a “necesidade vital” dun cambio “urxente e radical” das políticas públicas de protección do rural e de defensa dun monte multifuncional “para que os incendios non se convertan nunha condena perpetua até que arda todo o noso país”.

Representantes do colectivo, entre eles o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para ofrecer os detalles dunha iniciativa que coincide co inicio da campaña, oficialmente chamada, de alto risco de incendios, e que chega un ano despois dunhas das peores vaga de lumes que se espallou por toda a Galiza en 2025. Ese ano o noso país sufriu a vaga de lumes máis catastrófica no que vai de século, e a segunda da historia en extensión da superficie queimada. Foron 209.281 as hectáreas ardidas segundo o sistema Copernicus da UE, principalmente na provincia de Ourense, e destas 37.819 hectáreas en Rede Natura 2000.

Sobre estes territorios arrasados apenas se desenvolveron medidas de restauración. Segundo a Xunta, só se interveu sobre 200 hectáreas, o que supón o 0,16% do territorio oficialmente queimado (118.966 hectáreas), mais en marzo de 2026 só se tiñan tratado 110 hectáreas con medidas efectivas de restauración e rexeneración hidrolóxico-forestal. Como consecuencia, os montes queimados ficaron desprovistos de cobertoira vexetal, o que provocou que o solo perdera a súa estrutura e fora arrastrado polas chuvias provocando avenidas catastróficas, como as que aconteceron na comarca de Valdeorras. Pérdense así enormes cantidades de solo (entre 15 e 170 toneladas por hectárea cada ano). Tomando como referencia unha cifra estimada de 24 t/ha e ano, os lumes de 2025 puideron ocasionar a perda de 2,85 millóns de toneladas de solo, mobilizado episodicamente cara o fondo dos vales polas avenidas, o que dana traídas, propiedades e mesmo pon en risco a vida das persoas.

Causas múltiples e diversas están na orixe dos incendios que se producen cada ano no territorio da Galiza, e unha mudanza climática acelerada agrava as condicións favorable para incendios máis frecuentes e intensos. Todo o mundo parece estar de acordo en que o abandono do rural, as nefastas políticas agrarias e a aposta polo monocultivo de especies pirófitas de crecemento rápido están entre as causas que mais inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido a falsa moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta de Galiza desde o 1 de xaneiro de 2026 está levando a que continúe a súa expansión, á vista do desastre económico, social e ambiental que estamos padecendo, consideramos necesario reclamar unha moratoria indefinida. 

Un ano máis, e xa van moitos, ante a incompetencia dos gobernos galegos do PP, estamos sendo testemuñas de como o lume se está propagar por numerosas aldeas e zonas próximas ás cidades, co agravante de que a extensión de territorio que se ve afectada é cada vez maior, se as condicións climáticas son desfavorábeis. Temos que denunciar, sen querer ser catastrofistas, que viviremos unha emerxencia civil permanente se as vagas de calor seguen chegando. Non podemos depender do factor meteorolóxico con condicións climáticas mais ou menos benignas, para que o lume arrase, ou non arrase, o noso monte. No que levamos de verán son xa 800 hectáreas queimadas (Padrón, A Mezquita, Borbobás e A Capela) segundo unha cifras oficiais que a Xunta publica, pero maquilladas e despois de pasar unha férrea censura baixo aparencia de criterios informativos, facendo un control informativo propio dunha ditadura. Saber a verdade e coñecer o que está sucedendo é un dereito que o pobo galego temos, polo que demandamos aos Gobernos transparencia informativa e sen manipulación.

A planificación da campaña de alto risco de incendios é nefasta, neglixente e improvisada. O tempo perdido no inverno para realizar traballos de prevención, engádeselle o retraso nos labores de prevención e limpeza das faixas secundarias e a negativa da Xunta a profesionalizar e a ter un único servizo público de extinción dos lumes.

Neste ano no que andamos, a irresponsabilidade da Xunta da Galiza ficou patente co incumprimento de rozar e limpar as faixas secundarias das 276 parroquias, que figuran como “priorizadas” no PLADIGA, das que fican sen limpar 206 das 276 comprometidas. Despois da grande vaga de incendios do ano pasado o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu-se no Parlamento Galego a que o seu Goberno ia rozar e limpar as faixas secundarias dos concellos de menos de 10.000 habitantes, isto é 295 dos 313 concellos que temos na Galiza, e agora resulta que desde a Xunta acusan aos e ás propietarias de non limpa-las. Maior irresponsabilidade non a pode haber.

No ano 2026 non se incorpora ningunha praza nova de persoal propio do SPIF, son os mesmos efectivos que no 2025. Os medios terrestres e aéreos non contemplan ningún reforzo estrutural do operativo, que segue directamente privatizado. As únicas novidades son unha maior dotación de persoal a través da contratacións externas, vía SEAGA, de 42 brigadas, e de 190 brigadas municipais. Todo un sistema de extinción baseado na precariedade e inseguridade laboral.

En todo caso, estamos ante un modelo fracasado, dun Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) para o 2026 que sigue sendo unha ferramenta inútil. É unha actualización de PLADIGAS anteriores, que se aproba sen debate no Consello Forestal da Galiza, sen avaliar e tirar conclusións da vaga de lumes do ano pasado, coa agravante de que neste Consello non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e o medio rural.

Seguir centrando a política anti-incendios na extinción, que fagocita case o 75% (159 millóns de €) dos 213 millóns do PLADIGA 2026, relegando a prevención (53 M€) e a formación (0,9 M€) e esquecendo por completo a restauración (0 €), fai que as consecuencias dos lumes atinxan máis aló do período de alto risco, o que maximiza os impactos negativos e pon en perigo vidas e facendas.

Dito isto, non fica ningunha dúbida de que a loita contra o lume, na súa faceta de extinción, débese facer desde a óptica dun servizo público, profesional e permanente, polo que se fai necesario crear un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, con a dimensión necesaria para atender a realidade existente.

A verdadeira política de prevención non é como pensa a señora conselleira e moita parte da sociedade, ter os montes limpos, as pistas arranxadas e os puntos de auga prestos, senón en ter un medio rural vivo e con actividade económica produtiva, un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e dos e das titulares particulares nesta posta en valor. Neste sentido para garantir esta multifuncionalidade fai-se preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que volva pór en vigor a liña de axuda para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), sen esquecer o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, ferramentas que demostraron a súa eficacia no breve período no que estiveron vixentes.

A vida salvaxe que se perde tarda moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada, xa non consegue achegar sementes nin individuos para a recolonización natural. Cos lumes desaparecen animais ameazados, xoias naturais fráxiles e escasas como o bufo real, a aguia real, o lobo e o oso pardo... E con eles, centos de milleiros de pequenos animais abrasados polas lapas. Sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais convertidos en carbón en cuestión de segundos. E que pasará con ese solo queimado e requeimado, tan alterado que non poderá permitir o establecemento da vexetación que sustenta á fauna? A súa recuperación non é cuestión de décadas, senón de centos de anos.

As persoas labregas están especialmente afectadas pola destrución dos cultivos, a perda de forraxe almacenada e a imposibilidade de producir outra nova ou facer pastoreo nas terras arrasadas. Na apicultura perdeuse a zona de alimentación das abellas en km á redonda. E a recuperación destas zonas levará moito tempo.

Unha vez máis, temos que ser o pobo galego quen de forma auto-organizada nos preparamos para facer fronte a esta situación e para exixir ao goberno da Xunta medidas urxentes para frear esta situación e un cambio radical nas súas políticas ambientais, agro gandeiras e forestais.

E por isto esiximos:

  • A creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
  • Plan de actuación e restauración inmediata nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa recuperación, así como impedir o arrastre e a chegada de cinzas e sedimentos a ríos, rías ou zonas habitadas xerando un risco para os sistemas naturais e as poboacións, como as vividas no mes de xuño na comarca de Valdeorras.
  • A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
  • O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo. A aposta por unha agricultura labrega, familiar e agroecolóxica, que garanta prezos xustos para o sector produtor. Medidas que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
  • Apoiar tanto a propiedade particular, como especialmente as comunidades de montes en man común, no camiño cara unha xestión forestal e de monte protectora ante o risco de incendios. Fomentar as iniciativas que fortalezan a esas comunidades e permitan o aproveitamento multifuncional do territorio, evitando o abandono ou a extensión de monocultivos de especies como eucalipto ou piñeiros.
  • Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes corporacións multinacionais enerxéticas, mineiras ou pasteiras, como ENCE ou ALTRI, que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
  • Cómpre protexer o monte e o rural en todo momento pero, especialmente, ante a desgraza ambiental e social xerado polo lume, evitando que favoreza os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal. .
  • Reclamamos unha moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e doutras especies pirófilas, así como a súa eliminación paulatina e dando alternativas aos e ás titulares de montes de eucaliptos situados en terras agrarias, apoio económico ás persoas que conservan as masas forestais autóctonas e os servizos ecosistémicos asociados, figuras de protección medioambiental, masas mixtas, zonas paisaxísticas, con restos patrimoniais, etc.
  • Que por parte das administracións públicas se proporcione o apoio necesario, tanto material como técnico, así como garantir a simplificación administrativa e burocrática e a continuidade das explotacións agropecuarias afectadas e danadas polos incendios do verán do ano 2025 e dos que se dean este ano.
  • Outro modelo industrial da madeira e dos produtos derivados na Galiza é necesario. Un modelo que teña como obxectivo o peche dos ciclos produtivos, tanto para as madeiras de calidade como para os produtos do monte.

POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO. LUMES NUNCA MÁIS!

Plataforma ‘Por un monte galego con futuro’.

Colectivos que a integran:

A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigas da Terra, Anduxía, Asociación Alexandre Bóveda, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Fonte Seca da Baña, Asociación de Gandeiras e Gandeiros galegos Elas Eles, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia  do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza  (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación "Somos Pandeireteiras", Asociación Veciñal do Saviñao, Asociación “Bembrive en pé”, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde (EGAV), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos  Miñoráns, Marcha Mundial das Mulleres (MMM), Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Gardiana do Bosque de Maceda, Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, Plataforma Non á Balsa da Cornanda, Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Plataforma Ulloa Viva, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Unionlibre.org, Verdegaia e Véspera de Nada.