Uns 2000 escolares participan en Pontevedra na primeira etapa do Correlingua 2016

O alumnado da comarca percorreu as rúas da cidade e celebrou unha festa na Praza da Ferrería
Vigo - 02 Mai 2016
Arredor de 2000 escolares dos centros de ensino da comarca de Pontevedra participaron hoxe na primeira etapa do Correlingua 2016, unha iniciativa pola lingua galega que pasará por unha ducia de localidades do país até o vindeiro 16 de maio. Na xornada de hoxe, o alumnado percorreu as rúas da cidade e celebrou unha gran festa final na Praza da Ferrería.

(Galería de imaxes)

Dende a organización do Correlingua explican que os participantes foron recibidos/as coa actuación dos músicos/as e xigantes, “que co seu 'dragón bota auga' déronlles unha benvida maxistral”. A continuación o grupo Talia Teatro saudou os máis de 20 centros que tomaron parte na iniciativa, dando paso á saída da marcha. O alumnado do IES Martín Sarmiento foi o encargado de ler o manifesto gañador, mentres que o grupo de rock Liviao do Marrao fixo bailar coas súas cancións a todos/as os asistentes.

Xa para rematar, María Rodríguez, da CIG-Ensino de Pontevedra, a representante da ASPG Andrea Martíns, o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Aberto Oubiña, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, entregaron a cada un dos centros participantes un lote de libros cedidos polas editoriais Kalandraka e OQO e polas librarías pontevedresas Seijas, Paz, Escolma, D´lectum, Nóbel e El Pueblo. Ademais, recibiron un diploma pola súa participación no evento.

Durante o acto tamén se repartiu un globo xigante a cada centro como símbolo da lingua, algo que se repetirá durante esta edición do Correlingua, actividade que move arredor de 40.000 nenos/as en todo o país. A continuación soltáronse os globos “para que leven voando o noso idioma polo país adiante”. Xunto aos globos van os nomes dos centros e unha nota, para quen a encontre poida comunicarlle ao centro correspondente onde foi atopado.

A seguinte parada do Correlingua -carreira polo idioma organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, e conta coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Ourense, e das Deputacións da Coruá, Lugo e Pontevedra- será na cidade da Coruña este martes día 3.