Unísono rectifica e negociará co comité de Vigo, que apraza os paros

A representación do persoal logra que a dirección da empresa se sente por fin a negociar despois da convocatoria de paros

Vigo -

O comité de empresa de Unísono-Vigo decidiu aprazar os paros e concentracións inicialmente convocados para o vindeiro luns día 11 para reclamar melloras nas condicións de traballo despois da "aparente vontade de diálogo" amosada pola dirección. As protestas serán reconvocadas no prazo de dúas a tres semanas se non se dan solucións aos problemas dos traballadores e traballadoras.

Dende a representación do persoal lembran que a empresa está a experimentar un “crecemento económico brutal” dende mediados da década do 2000, época que coincide coa apertura dos centros na cidade. Na actualidade mantén unha cifras de facturación estables que oscilan entre os 110 e os 120 millóns de euros anuais.

Con todo, a dirección continúa a poñer atrancos en temas como as preferencias horarias, as gardas legais, as vacacións, os días de libranza ou a aplicación de medidas individuais. Ademais, o comité denuncia que tamén se está a producir un abuso flagrante na campaña de ING: persoal que realiza todas as funcións dun banqueiro/a menos cobrar acorde co seu traballo.

Diante disto, e despois de dialogar coa patronal para intentar pactar melloras nas condicións de traballo, optaron por convocar para este luns día 11 paros e concentracións diante da empresa que fican agora adiadas para tentaren chegar a solucións efectivas para as traballadores e traballadores.

Volver