Unhas 2500 persoas participan na romaría reivindicativa pola sanidade pública viguesa

Xunta de persoal e SOS Sanidade convocaron unha xornada de loita para conmemorar a marcha máis multitudinaria da historia da cidade

Vigo -

Arredor de 2500 persoas participaron este sábado en Vigo na romaría reivindicativa en defensa da sanidade pública organizada pola xunta de persoal do Chuvi e pola plataforma SOS Sanidade Pública. O día de loita, que se iniciou cunha manifestación e incluíu actuacións musicais, xogos populares e postos de comida, foi convocada para conmemorar o primeiro aniversario dunhas das marchas máis multitudinarias da historia da cidade.

(Galería de imaxes)

A xornada comezou ás 12.15 horas cunha manifestación que arrincou da zona das antigas Urxencias do hospital Xeral, na rúa Pizarro, e percorreu a Gran Vía e a rúa Ecuador para volver de novo a Pizarro. A continuación a marcha desprazouse até a rúa Padre Feijóo, onde tivo lugar a romaría popular, rematando coa lectura dun comunicado por parte dun integrante do colectivo de terapeutas.

A intervención comezou lembrando que o 3 de setembro de 2015 tivo lugar a manifestación máis multitudinaria de Vigo, na que participaron 200.000 persoas de toda a comarca “en defensa da nosa sanidade pública”, polo que dende a xunta de persoal e SOS Sanidade decidiron celebrar este ano unha xornada de loita pola sanidade pública en lembranza daquela data. Ademais, mes de setembro está previsto que os tribunais europeos ditaminen sobre a reclamación presentada pola Asociación para a Defensa da Sanidade Pública co diante da Comisión Europea. “Un fallo favorábel faría máis doado un posible rescate do hospital Álvaro Cunqueiro e tamén dos demais centros sanitarios”.

Neste senso, incidiuse en que como consecuencia do modelo de licitación o novo hospital é privado e está no balance contábel da sociedade concesionaria como un activo financeiro, por importe de 232 millóns de euros, que é o valor estimado dos custes de construción. “A sociedade concesionaria arrendarallo ao Sergas mediante un canon durante 20 anos que nos custará a todos/as 1.400 millóns de euros”, denuncian.

Rescatar o novo hospital

Tamén se fixo fincapé en que a solución aos problemas da área sanitaria viguesa pasan por recuperar o hospital o Cunqueiro para ao sistema sanitario público e retomar o proxecto de hospital estratéxico para a área sur de Galiza, “que devolva ao Chuvi os servizos de referencia trasladados ao Complexo Hospitalario de Santiago e as especialidades que se manteñen no hospital privado Povisa, e que se recupere a capacidade do Chuvi de atender ao 100% da cidadanía co restablecemento das camas previstas no proxecto inicial”.

Ademais, reclamouse que neste novo deseño o hospital do Meixoeiro debe manter o seu funcionamento como hospital xeral programado para diferentes especialidades, aínda que sen porta de urxencias, recuperando as camas e os recursos recortados.

Finalmente, apelouse á cidadanía para que nas vindeiras eleccións autonómicas aposte por formacións políticas que defendan a sanidade pública “para facer posíbel que o goberno que saia deses comicios faga unha auditoría de todas as privatizacións e tome as medidas necesarias para a súa reversión á sanidade pública”.

Tras a lectura do texto a xornada continuou con actuacións musicais, xogos tradicionais e unha comida popular e prolongouse até última hora da tarde.

Volver