Unha sentenza do TSXG confirma a devolución parcial da paga extra de 2013

Nova labazada xudicial á Xunta polo recurso de casación en interese de lei que interpuxo contra unha sentenza gañada pola CIG

A Coruña -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza na que se confirma que a Xunta recortou ilegalmente unha parte da paga extraordinaria do ano 2013. O alto tribunal galego resolve deste xeito en reposta a un recurso de casación en interese de lei presentado pola Xunta contra unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo, gañada polos servizos xurídicos da CIG.

Esa sentenza inicial do xulgado vigués -coincidente co criterio de todos os xulgados que até este momento teñen ditado sentenzas en recursos promovidos pola CIG por este motivo-, indicaba que era ilegal descontar con carácter retroactivo a parte proporcional dos meses de xaneiro e febreiro de 2013, toda vez que a Lei de Orzamentos para ese exercicio non se publicou no DOG até o 1 de marzo, obrigando a Consellaría de Educación a devolver o correspondente a eses dous meses.

Para a CIG-Ensino chama “poderosamente a atención a baixa catadura moral” da administración dirixida polo Partido Popular cando fundamenta dun xeito catastrofista, en palabras do propio TSXG, o seu recurso contra a sentenza gañada pola CIG, entre outros aspectos, na situación “gravemente danosa para o interese xeral polo quebranto que supón para os intereses públicos de natureza económica ao supor o aboamento dos funcionarios públicos autonómicos de parte da paga extra, cuxo impacto valora en 23 millóns de euros, unido ao caos organizativo e a insuficiencia de créditos orzamentarios para atendelos”.

“O mesmo Núñez Feijoo a quen non lle tremeu a man para roubarlle ao seu persoal 23 millóns de euros no ano 2013 parece que lle doe agora ter que devolver ese diñeiro”, critican.

A sentenza implica a obriga de publicación no DOG e pecha definitivamente a cuestión da paga extraordinaria de 2013, ao definir que a Xunta recortou ilegalmente unha terceira parte do complemento específico entendido globalmente (específico, titoría, sexenios, cargos, etc…).

A CIG esixe unha vez máis da Administración Autonómica o compromiso de pagamento a todo o seu persoal desa parte proporcional da paga extra do 2013, unha vez que o Tribunal Superior confirma un dereito que xa viña sendo recoñecido polos diferentes tribunais do contencioso. 

“No caso de que o goberno galego siga a facer ouvidos xordos ás resolucións xudiciais, poderemos confirmar que a Xunta despreza absolutamente o seu persoal e obrígao a ir persoalmente aos tribunais de xustiza para gañar individualmente, aínda que teña custas para a Xunta, agardando a que a maioría do persoal non o faga e así ver reducido o que definiu como “un quebranto” para as arcas públicas. Nese caso, o compromiso da CIG manterase en estender todo o posíbel os xa máis de 1.000 recursos presentados tanto en vía administrativa como xudicial contra o recorte da paga extra”, advirte a CIG-Ensino.

Volver