Unha nova sentenza recoñece o dereito do persoal funcionario a cobrar as pagas extra de 2013 íntegras

A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso

A Coruña -

Unha nova sentenza –e xa van catro- recoñece ao persoal funcionario dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza o dereito ao cobro íntegro dos complementos específicos nas pagas extra dese ano. A última, recaída nos Xulgados do Contencioso de Compostela, o 29 de xaneiro, recoñece o dereito a cobrar 1.013,92 € máis xuros de demora e condena a 400€ en costas á Xunta de Galiza. A sentenza é firme e non cabe recurso.

No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal, pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que se mantén na Lei de Orzamentos do 2106, co que aproximadamente se lle está sustraendo a todo o persoal que cobra da Xunta de Galiza uns 200 millóns de euros por ano.

Con esta sentenza, que se suma ás tres anteriores xa ditada, fica como novidade que ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, a Xustiza recoñece que o sentido deste é positivo e polo tanto estima na súa totalidade a reclamación da persoa traballadora. Malia isto, nas sentenzas nas que non haxa silencio na reclamación administrativa, a Xustiza recoñece, con carácter xeral, a reclamación subsidiaria do terzo do complemento específico de xuño, ou sexa, a parte devindicada en xaneiro e febreiro até que entrou en vigor a Lei de orzamentos galega dese ano.

Para o persoal laboral a reclamación fíxose en vía de conflito colectivo e resolveuse no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) estimando a reclamación subsidiaria. Poren, non é firme e está recorrida pola Xunta en casación ante o Tribunal Supremo (TS) co obxecto de atrasar todo o que poida o inevitábel.

O responsábel do sector da CIG-Administración nos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, Fulgencia Fernández, explica que a Xunta “leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas actuacións en canto a reclamación subsidiaria. Tamén ignora a nosa demanda lexítima da devolución destes complementos a todo o persoal afectado polo recorte”.

Denuncia que estas actuacións implican uns custos e saturación da vía xudicial “aos que lle dá igual facer fronte á Administración autonómica porque non sae do peto dos seus responsábeis políticos”. Sinala que o único que din sobre isto é que "respectan as sentenzas" ao mesmo tempo que “sacan peito coa recuperación nos Orzamentos de 2016 do 50% que falta por pagarnos daquela outra paga extra de 2012. Que por certo, din que pagarán este ano pero que non aclaran cando aínda que sospeitamos que será pouco antes das eleccións autonómicas”.

Volver