Unha nova manifestación percorre as rúas do Porriño para denunciar a explotación laboral en Servicarne

Varios centos de delegados/as da CIG participaron na marcha en solidariedade cos falsos/as autónomos/as dependentes de Frigolouro

Vigo -

Varios centos de delegados/as sindicais da CIG percorreron hoxe en manifestación as rúas do Porriño en solidariedade coa loita que dende hai máis de dous meses mantén o persoal de Servicarne, autónomos/as dependentes de Frigolouro -do Grupo Coren-, para rexeitar a explotación aboral que padecen e reclamar unhas condicións de traballo dignas. Dende central denuncian que hai traballadores/as que caen desmaiados/as no seu posto a causa do forte ritmo de produción imposto.

(Galería de imaxes)

Varios centos de delegados/as sindicais da CIG e traballadores/as de Servicarne participaron nunha mobilización que arrincou da Casa da Cultura porriñesa ás 11.00 horas. Á cabeza da marcha, sostendo unha faixa na que se podía ler “Non á explicación laboral en Frigolouro”, o secretario da Unión Comarcal de Vigo, Alberto Gonçalves, o da Unión Local do Porriño, Tano Guerra, e o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Luciano Villar. Xunto a eles, varios empregados da cooperativa de traballo asociado Servicarne.

Durante o percorrido, que rematou arredor das 12.00 horas diante das instalacións da empresa de procesados cárnicos Frigolouro tras pasar polas principais rúas do centro da localidade, as consignas máis coreadas foron “A explotación non é a solución”, “Servicarne culpábel, Frigolouro responsábel” e “Queremos traballar e non mendigar”.

Ao remate da protesta tomou a palabra Suso García, da FGAMT-CIG de Vigo, que lembrou que a manifestación é un paso máis na loita que os traballadores/as e a central manteñen dende hai varios meses para denunciar o “neoescravismo” que practica Frigolouro e as “condicións infrahumanas que a nova orde mundial do capital está a introducir nas nosas condicións de vida”.

Neste senso, criticou a implantación da figura do autónomo/a dependente nas cooperativas de traballo asociado, que cualificou de “mentira que agocha unhas condicións laborais que non fan volver ao século XIX: sen xornada de traballo, sen salario certo, sen vacacións, con baixas laborais disfrazadas de baixas por enfermidade común, con ritmos de traballo infernais, sen posibilidade de sindicarse, sen poder protestar baixo ameaza de sanción, sen idemnización por despido, etc.”.

Desmaios no posto de traballo

García denunciou o que estes días foi revelado por unha traballadora da planta de Coren -grupo ao que pertence Frigolouro- en Ourense, a existencia de casos de empregados/as que caen desmaiados/as debido ao forte ritmo de traballo imposto e de outros/as que teñen que ser levados/as en cadeira de rodas até a ambulancia, o taxo ou o coche para que os trasladen ao centro de saúde.

“Esta é a realidade de Servicarne; esta é a realidade do Grupo Coren, do que fai parte Frigolouro”, sentenciou. Fronte a isto, a CIG está a protagonizar unha loita practicamente en solitario que inclúe a celebración de asembleas, paros, manifestacións, denuncias na Inspección de Traballo e nos Xulgados, reparto de panfletos e mocións nos Concellos.

Ao mesmo tempo, explicou que Servicarne é unha empresa catalá que se rexe pola Lei de Cooperativas de Catalunya. “En Galiza temos unha Lei de Cooperativas propia, máis avanzada que a catalá, que permitiría que os traballadores/as cobrar os salarios establecidos na empresa usuaria, pero a Xunta mira cara a outro lado”, censurou.

Por outra banda, lembrou que a Inspección de Traballo non pode actuar en Catalunya, pois o Goberno catalán ten transferida esta materia.

Fronte a isto, incidiu na necesidade de que o noso país contae cun Marco Galego de Relacións Laborais e coa competencia exclusiva en materia deTraballo e Saúde Laboral.

Volver