Unha clase obreira reaccionaria?

Asbjørn Wahl -

A relación de forzas no lugar de traballo cambiou drasticamente, en detrimento do traballo, os sindicatos e os órganos democráticos e a favor do capital, as empresas multinacionais e as entidades financeiras

Boa parte da clase obreira occidental parece agruparse agora en torno a populistas de dereitas, demagogos e racistas. Moitos traballadores votan por partidos reaccionarios e fascistoides. contribuíron ao voto favorábel á saída do Reino Unido da Unión Europea e a converter a Donald Trump no presidente da superpotencia número uno do mundo, e votan tan masivamente por partidos políticos de extrema dereita que estes últimos teñen a posibilidade de alcanzar o poder gobernamental en varios dos países máis poboados de Europa.

 Dado que tradicionalmente se supón que a clase traballadora vota pola esquerda, isto crea inquietude, inseguridade e confusión entre os expertos, os comentaristas e os políticos, nomeadamente no movemento obreiro. Non faltan as condenas e os sermóns moralizantes para aqueles que se van á extrema dereita. Porén, un número crecente de comentaristas empezan agora a sospeitar que o desprazamento de amplos grupos de traballadores á extrema dereita pode ser a expresión dunha protesta contra a deriva actual da sociedade. Non todos se beneficiaron dos logros da globalización, din.

 No entanto, moitos políticos e activistas de esquerda teñen grandes dificultades para se orientaren neste novo terreo político. Persoas que normalmente estarían a favor da saída do Reino Unido da actual UE autoritaria e neoliberal, por exemplo, dixéronme que votaron a favor da permanencia nas condicións actuais para “non ser carne de canón para as forzas racistas e antiinmigrantes do bando do Brexit”. Deste xeito, entregaron a bandeira da necesaria oposición á política antisocial e antisindical da UE a mans da extrema dereita.

 Se cadra, sería máis importante e máis fructífero que a esquerda fose algo máis autocrítica con respecto ao seu propio papel e á súa propia política. Podería ser que fallou aos seus votantes e que os partidos de esquerda xa non aparecen como instrumentos válidos para defender os intereses dos máis desvalidos e os máis pobres da nosa sociedade actual? Se cadra, houbo demasiada política identitaria e moi pouca política de clase. Podería ser mesmo que a análise social da esquerda non capta a esencia do desenvolvemento económico e político actual?

A ofensiva empresarial

 A maioría da xente de esquerdas pode coincidir en que a situación é grave, mesmo dramática. Vexamos, xa que logo, máis de cerca o estado de cousas actual. Na nosa contorna europea, a taxa de sindicación case se reduciu á metade ao longo dos últimos 30 anos, e os dereitos laborais, a lexislación laboral e os convenios colectivos deterioráronse sistematicamente ou mesmo foron abolidos completamente. A maior parte está peor que en Noruega, pero isto non significa que esta evolución non nos afecte. Aquí tamén hai moitas cousas que van na mala dirección, aínda que o proceso avance aquí máis lentamente que no resto de Europa. Non hai dúbida de que Noruega aínda está na cuberta superior do barco global do benestar, pero todo indica que se trata da cuberta superior do Titanic.

 En poucas palabras, podemos resumir dicindo que as desigualdades sociais tamén aumentan no noso país e que nos lugares de traballo se instalan relacións máis autoritarias, entre outros factores a través da americanización dos modelos organizativos e de xestión, como documentou tan ben o Instituto Público de Investigación Laboral. O aumento salarial dos chanzos inferiores estancouse. Un boletín publicado pola Confederación de Sindicatos de Noruega (LO) resume moi ben esta evolución nun artigo recente baseado nun novo informe do instituto de estudos independente Fafo:

  “Si a tendencia actual se mantén, Noruega coñecerá axiña desigualdades tan grandes como Alemaña e o Reino Unido. Un novo informe do Fafo mostra que Noruega xa non é un país de pouca desigualdade. Noruega está cambiando rapidamente, e os peor pagados son os perdedores. Os salarios dos niveis inferiores no sector público practicamente non variaron desde 2008 [?] cada vez menos traballadores que perciben os salarios máis baixos teñen un convenio colectivo” (11/09/2016).

 Ao mesmo tempo, enfrontámonos a patronos cada vez máis ofensivos e agresivos, que, entre outras cousas, eluden a súa responsabilidade empresarial mediante a subcontratación e o emprego crecente de traballadores de axencias de emprego temporal, debilitando así os sindicatos. Ademais, as empresas benefícianse enormemente da política cada vez máis antisindical da UE e do EEE e os seus tribunais, que contribúen moito a socavar os dereitos sindicais. Na batalla persistente por controlar o proceso produtivo, o traballo queda cada vez máis baleiro de contido en moitas partes do mercado laboral. Está cada vez máis fragmentado e estandarizado e os traballadores están sendo sometidos a un maior control, á vez que aumenta a intensidade do traballo. O profesor Sten Gellerstedt documentou isto moi ben con respecto a Suecia, mentres que Eurofound ha documentou un forte incremento do traballo rutineiro en Dinamarca (citado en Ugebrevet A4, 31/10/2016), e hai boas razóns para crer que a situación é máis ou menos a mesma aquí en Noruega:

“Os daneses realizan arredor dun 30% máis de traballo rutineiro do que faciamos nós hai 20 anos. […] É interesante observar que o traballo rutineiro aumenta máis nas clases de traballo que tradicionalmente non se asocian á rutina. En particular, son os xestores, profesionais e oficinistas os que agora executan cada vez máis traballos rutineiros”.

 Ademais, a ideoloxía que vincula benestar e traballo contribúe enormemente a desviar a atención das estruturas organizativas e as relacións de poder a favor da individualización, con sermóns moralizantes, suspicacias e un brutal réxime de sancións contra os individuos. Deste xeito revertéronse os cambios no mundo do traballo para a gran maioría dos traballadores na nosa sociedade.

 Por suposto, a base desta evolución está na crise económica. O capitalismo coñece a súa crise máis profunda desde a Gran Depresión dos anos trinta e os capitalistas cambiaron a súa estratexia para recuperar a rendibilidade. O neoliberalismo é a súa resposta política/ideolóxica á crise, pero non hai nada que indique até o de agora que deste xeito vaian superar as contradicións internas do capitalismo. A especulación financeira desbocada non é máis que un dos efectos graves do desenvolvemento da crise. O propio neoliberalismo, así como a especulación financeira, son, polo tanto, efectos da crise capitalista, non a súa causa, como afirma moita xente. E a globalización, da que moitos din que “veu para ficar” e que os sindicatos “teñen que se adaptar”, non é máis que o resultado da estratexia e a ofensiva do capital para facer fronte á crise.

Por que os traballadores viran á dereita?

 En Europa está cada vez máis claro que entre os principais obxectivos desta política se inclúe o desmantelamento do Estados de benestar e a derrota dos sindicatos. En calquera caso, iso é o que está ocorrendo baixo a dirección política das institucións da UE realmente existentes. Que millóns e millóns de traballadores de todo o mundo sexan os “perdedores” neste proceso non debería estrañar a ninguén. Nin tampouco que ao final reaccionen con desconfianza, carraxe e cega rebelión. Esta parte da clase obreira -a falta de partidos políticos de esquerda que acheguen análises, políticas e estratexias para abordar e afrontar a crise e a ofensiva das forzas capitalistas- séntese atraída pola retórica antielite e antisistema da extrema dereita, cousa que se pode entender neste contexto.

 Comprender, con todo, non é o mesmo que aceptar, e moito menos apoiar. Xa que logo, que algúns políticos de esquerda se permitan marabillarse coas políticas aparentemente favorábeis aos traballadores de moitos dos novos partidos de extrema dereita, desexando mesmo aliarse con eles, é unha actitude perigosa. Non hai nada novo na nosa historia que a extrema dereita consinta ao “don ninguén da sociedade”. O mesmo ocorreu durante o xurdimento do fascismo nos anos trinta. Entón, do mesmo xeito que agora, tamén houbo xente na esquerda, aínda que non moita, que cambiou de bando na falsa crenza de que o “nacionalsocialismo” era unha forma de socialismo e non xustamente o contrario, como demostrou tan claramente a historia.

 O que é importante comprender é por que moitos dos máis explotados e desposuídos da sociedade se senten atraídos pola retórica antielite de extrema dereita. Debemos indagar nos motivos de que isto ocorra. Tratando de entendelo, debemos ter presente como as relacións de forza nos lugares de traballo cambiaron drasticamente a favor da patronal, como aumenta a brutalización do traballo e como crece a inseguridade para grandes grupos de traballadores. Isto será decisivo se queremos desenvolver unha política baseada nos intereses da xente que responda a estes desafíos.

 A realidade é que a explotación dos traballadores e a súa crecente impotencia e subordinación apenas encontran eco no debate público. Os partidos socialdemócratas cortaron maiormente o vínculo coa súa antiga base electoral. No canto de recoller o descontento xerado por un mercado laboral máis brutal e politizalo e canalizalo cara a unha loita baseada no interese dos traballadores, os partidos de esquerda de clase media ofrecen pouca cousa máis que os sermóns moralizantes e o desprezo. Deste xeito, fan pouco máis que empurrar a amplos grupos de traballadores aos brazos dos partidos de extrema dereita, que si recollen o descontento e fan todo o posíbel por canalizar a furia da xente contra outros grupos sociais (inmigrantes, musulmáns, gais, xente de cor, etc.) e non contra as causas reais dos seus problemas.

 Por suposto, debemos loitar contra esta evolución, pero este combate non o gañaremos a base de discursos morais e desprezo. Se a esquerda non é capaz de enraizar a loita contra o capitalismo e a súa crise nas experiencias cotiás da xente no lugar de traballo, perderá a batalla pola alma e o corazón da clase obreira. Se queremos evitar que isto suceda en Noruega, tamén temos que deixar de falar do “modelo nórdico” coma se non pasase nada, coma se estivese intacto, coma se a cooperación e o respecto mutuos e a codeterminación entre as clases fosen feitos reais na sociedade actual. En gran parte da dirección sindical e do movemento obreiro, o modelo nórdico de cooperación entre o traballo e o capital elevouse á categoría de fenómeno xeral que “beneficia a ambas as partes”, totalmente á marxe das relacións de forzas que se desenvolven nos lugares de traballo e na sociedade. Considérase unha forma máis elevada de racionalidad e rodéase dunha retórica sobre intereses comúns que cada vez máis traballadores teñen dificultades para recoñecer.

 Por moito que as masas explotadas apenas teñan hoxe en día algunha voz organizada no debate público, aínda logramos pendurar pequenos incisos nos medios de comunicación sobre a outra realidade nos lugares de traballo. Como cando o xornal Dagbladet (20/03/2016), baixo o título de “Choramos todos os días no traballo” publicou un artigo sobre o persoal da multinacional de servizos ISS que limpa as habitacións do hotel Oslo Praza en condicións extremadamente duras. Ou cando atopamos un número crecente de artigos anónimos na prensa, escritos por traballadores de distintos organismos públicos que nos informan da existencia de réximes de control cada vez máis autoritarios ao estilo do New Public Management (Nova xestión pública), que destrúe a contorna de traballo e elimina o último que quedaba de satisfacción no traballo.

 Quen sofre tales condicións no mercado laboral actual non se sente para nada reflectido, como é obvio, na mensaxe que manifestou o dirixente da Confederación de Sindicatos de Noruega o ano pasado na conferencia anual da organización empresarial: “Estamos de acordo sobre os retos a que nos enfrontamos. E malia os nosos diferentes enfoques, tamén estamos de acordo sobre moitas das solucións. E sen dúbida coincidimos en que estes retos se superarén mellor en cooperación que en conflito. […] Temos os mesmos obxectivos, a saber, unha vida laboral sostíbel en Noruega. [?] Do mesmo xeito que nos anos noventa, non podemos evitar o que vostedes chaman moderación. Nós chamámolo racionalidade colectiva, e esta debe aplicarse a todo o mundo” (07/01/2016).

 Se ocorrese que o diálogo social e a cooperación tripartita favorecesen a “ambas as partes” na situación actual, deberiamos esperar entón que os patronos querían establecer boas relacións de cooperación e participación en sectores en que os sindicatos son débiles, como en hoteis e restaurantes, o comercio, a limpeza, etc.? Polo que se ve, sucede xusto o contrario. A ideoloxía da colaboración social, que apareceu ao amparo do compromiso de clases, contribuíu a despolitizar e desradicalizar os sindicatos e o movemento obreiro, mentres que os patronos atacan con cada vez máis forza a lexislación laboral que até o de agora aceptaran en nome da colaboración de clases.

A necesaria mobilización de masas

 En resumo, a relación de forzas no lugar de traballo cambiou drasticamente, en detrimento do traballo, os sindicatos e os órganos democráticos e a favor do capital, as empresas multinacionais e as entidades financeiras. Ao longo dunhas poucas décadas, os intereses capitalistas conseguiron abolir as principais normas que fixeron posíbeis o Estado de benestar e o modelo nórdico: a cooperación monetaria internacional, o control de capitais, o control de investimentos e outras regulacións do mercado. Nesta situación, a idea da colaboración social (é dicir, a insistencia nos intereses comúns como ideoloxía fronte ao crecente conflito de intereses que ten lugar no mundo real) constitúe unha barreira á loita sindical e política.

 O principal reto a que se enfronta a esquerda actualmente é o de organizar a resistencia fronte a esta evolución. É o único xeito de facer retroceder o populismo de dereita. Unha vez máis, debemos ser capaces de construír un ceo sobre a nosa loita, é dicir, perspectivas e visións dunha sociedade mellor, unha sociedade cunha redistribución radical da riqueza, na que se poña fin á explotación e as necesidades humanas constitúan a base do desenvolvemento social. Non é cuestión de utilizar declaracións, manifestacións e chamamentos a unha cooperación tripartita que constantemente se baleira de contido. É unha cuestión de poder: poder económico e político. Isto esixirá unha mobilización social masiva ao estilo de como os sindicatos construíron a súa forza para conquistar poder e influencia a comezos do século pasado.

 Estamos dispostos/as?

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 23 de marzo de 2017]

 

Volver