Unha importante avaría deixa o Centro de Saúde de Noia sen servizo de Raios X

O aparello ten máis de 25 anos e a empresa de mantemento contratada polo Sergas foi incapaz de arranxalo

Compostela -

CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar que o aparello de RX do centro de Saúde de Noia leva semanas sen funcionar debido a unha importante avaría. Denuncia ademais que Iberman S.A, a empresa privada contratada polo Sergas para o mantemento preventivo e correctivo dos equipos de electro-medicina, foi incapaz de darlle unha solución e tivo que recorrer á casa comercial General Electric para tentar arranxalo, malia o que continúa sen funcionar.

A CIG-Saúde de Compostela ten constancia de que se trata dunha avaría “grande, grave e cara”, o que desaconsella o seu “parcheo”, máis cando se trata dun equipo que supera os 25 anos de antigüidade.

Sinala que a consecuencia desta avaría as e os doentes teñen que desprazarse da zona de Noia até o Hospital Provincial de Conxo, en Compostela, para que lles dean unha prestación que non poden darlle no seu centro de saúde.

Por iso veñen de dirixirse ao Xerente da Área sanitaria, ao que responsabilizan desta situación “xa que é inherente ao seu cargo constatar que tanto as Unidades como os Centros de Saúde funcionan axeitadamente e contan coa tecnoloxía e os medios precisos, nas condicións adecuadas, que permitan dar unha asistencia sanitaria de calidade”.

No escrito que veñen de lle remitir preguntan canto tempo vai estar o centro de saúde sen dar o servizo ou se pensan reparalo aínda sabendo que o ciclo de vida dun aparello de radioloxía é de 12 ou 15 anos e que hai prazos definidos para a súa substitución.

Ademais interésanse polo motivo polo que os aparellos de Raios X non entrasen no contrato de Alta Tecnoloxía do Sergas e preguntan se existe algún Plan Director para a renovación dos de Arzúa, A Estrada e Lalín, que teñen a mesma antigüidade que o de Noia.

Volver