Outro desprendemento na unidade de psiquiatría de agudos do Gil Casares obriga ao traslado forzoso de 7 doentes

Compostela - 07 Xul 2023

A CIG-Saúde de Compostela leva meses solicitando por escrito información das instalacións, dos plans funcionais, as ratios de persoal, a toma de medidas organizativas e médicas e mesmo informes da estrutura do Hospital Gil Casares, e a planificación de obras, sen que dende a Xerencia se ofrecera "a máis mínima resposta".

Advirten que xusto no mesmo día (xoves 6 de xuño) no que as e os delegados de prevención de riscos laborais da CIG solicitaban, no seo do Comité de Seguridade, unha reunión extraordinaria a fin de tratar toda a problemática do servizo de Saúde Mental da área sanitaria, produciuse ás 15 horas, un novo desprendemento do teito da unidade de Psiquiatría de Agudos do Hospital Gil Casares, alcanzando a un usuario sen que, afortunadamente, revista gravidade.

Mostra do caos predominante neste servizo, e que foi alertado por activa e pasiva polos delegados/as de CIG-Saúde, é que agora forzáronse altas a domicilio de persoas usuarias desta unidade e aproban o traslado de 7 doentes a hospitais de ámbito privado (Robleda en Compostela e H. San José e Pinar en Vigo). O que vén significar que, despois do acontecido no día de onte, non existe espazo dispoñible nin adaptado para a recolocación de 7 usuarias e usuarios na rede pública da área sanitaria.

Para a CIG-Saúde queda en evidencia unha vez máis o ninguneo constante tanto ás persoas usuarias como ás persoas traballadoras, e a vulneración dos dereitos de información dos e das delegadas desta organización sindical, "xa que aparte de non ser tidas en consideración as súas  propostas, non se contestan os escritos relativos á solicitude de información sobre os informes técnicos e de seguridade destas instalacións e que se pediron en tempo e forma dende hai varios meses".

Para máis énfase, debido ás obras do anterior desprendemento do teito do pasado mes de maio, non se fixo unha valoración asistencial médica para garantir os coidados e asistencia sanitaria das persoas usuarias, primando o plan económico "puro e duro, ao non ter habilitada ningunha alternativa".

CIG-Saúde acusa á Xerencia de omitir as súas obrigas de asistencia sanitaria e protección a usuarios/as e traballadoras/es ao non efectuar e executar a planificación da actividade preventiva que derive como necesaria da conseguinte avaliación de riscos, efectuada no último mes. "O incumprimento destas obrigas acaba provocando danos na seguridade e saúde tanto das/as usuarias/os como dos/as traballadores/as, como foi o traslado ao servizo de urxencias dun usuario desta unidade despois do desprendemento".