Un milleiro de persoas bótanse á rúa en Verín para demandar outras políticas para o medio rural

A CIG cualifica de éxito a manifestación contra os lumes forestais e a prol da prevención
Vigo - 19 Set 2016
Arredor dun milleiro de persoas participaron este venres en Verín na manifestación contra os lumes forestais e pola prevención convocada pola CIG. A central cualifica de éxito unha mobilización coa que se quere reclamar a aplicación de políticas que garantan a supervivencia do medio rural galego.

(Galería de imaxes)

A marcha, presidida por unha faixa portada por membros dos corpos de bombeiros de Verín, brigadas de reforzo de incendios forestais de Laza, SPDCIF da comarca e ducias de traballadores/as de Seaga, arrincou da Praza dos Concello ás 20.30 horas.

Durante o percorrido unhas 1000 persoas corearon consignas contra a acción propagandística do Partido Popular e reclamando un cambio nas políticas de ordenación do rural e forestal do actual Goberno de Feijóo.

A mobilización rematou sobre as 21.30 horas coa intervención dun dirixente da CIG que, tras facer unha análise do caos no que a Xunta do PP ten sumido ao medio rural galego, reclamou a todos os presentes unha posición activa para desaloxar do poder aos responsábeis da inexistencia de políticas de prevención e ordenación forestal.