UGT e CCOO "pasan" da negociación do convenio de transporte de viaxeiros/as da provincia de Lugo

As dúas centrais, que ostentan a maioría da representación, non acudiron á reunión coa patronal

Lugo -

O 6 de setembro estaba prevista unha reunión entre as centrais sindicas e a patronal do transporte de viaxeiros/as por estrada para continuar a negociación do convenio colectivo de Lugo, tal e como quedara fixado no marco do AGA do acordo marco galego do sector, do pasado 1 de agosto. Porén, nin UGT (que ostenta a maioría da representación) nin CCOO compareceron na mencionada reunión. Unha actitude que a FGAMT-CIG cualifica de irresponsábel e neglixencia.

Na xuntanza do 6 de setembro unicamente compareceu a patronal e a CIG, a pesar de que a maioría da representación social neste convenio tena a UGT (que ostenta máis do 56% da representación), seguida de CCOO (máis do 17%), ambos sindicatos son asinantes do convenio vencido.

Diante da non comparecencia dos sindicatos asinantes e con representación maioritaria, elévase acta dos asistentes (patronal e CIG) pola cal se achega acta para revisión do incremento salarial para 2017 acordado durante a folga que levou a cabo o persoal do sector nos meses de xuño e xullo e a determinación de pospor a reunión até que fixen nova data as organizacións sindicais. Estabelecéndose como fecha máxima para a nova reunión o 15 de setembro. Esta decisión, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, foi trasladada a UGT e CCOO, que se desentenden de determinar unha nova xuntanza da comisión negociadora do convenio.

"Pasou máis de medio mes dende a data tope estabelecida sen que nin UGT nin CCOO teñan aínda presentado proposta de nova data para continuar na negociación. Isto é un auténtico acto de deixamento e neglixencia na súa condición de centrais sindicais, especialmente logo de non teren asistido á reunión convida en presenza dun mediador", denuncia López.

Fronte a este comportamento irresponsábel, a CIG demanda dos sindicatos asinantes, e na súa condición de maioritarios para a sinatura do convenio de viaxeiros/as, "que estean á altura das circunstancias" e establezan data para unha próxima reunión da comisión negociadora, "pois non semella de recibo que, logo do conflito vivido no sector a principios do verán, non se actúe con maior dilixencia na formalización dunha reunión xa prefixada".

Conflito no sector e acordos para seguir negociando

O convenio de transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia de Lugo formalizou a súa comisión negociadora o 29 de marzo, ao tempo que a comisión asinou acordo de subrogación que foi publicado en maio.

Nos meses de xuño e xullo o conflito no sector fíxose crítico pola situación xerada pola Xunta de Galiza respecto dos contratos, ao que se engadiu a loita polos convenios provinciais en todo o país. O convenio de 2013-2015 mantén a súa vixencia pero non acadaba actualización económica nin no resto de cuestións sociais dende o 31 de decembro de 2015.

A fin da folga no sector, chega cos acordos coa Xunta en materia social para garantir os postos de traballo cos novos contratos e, no eido dos convenios, en Lugo, coa reunión da mesa delegada no marco do AGA do Acordo marco galego do sector de transporte de viaxeiros/as por estrada de 1 de agosto de 2017, onde se comprometeu un incremento en todos os conceptos salariais (con efectos retroactivos a 1 de xullo de 2017) do 2,6% e co compromiso de seguir negociando o convenio, nunha nova reunión "á que ficabamos emprazadas todas as partes para o 6 de setembro". Xunta á que nin UGT nin CCOO acudiron.

Dende a CIG enténdese que esta situación ten a ver con facilitar a representación social ao sindicalismo estatal, "cuestión que deberá ter en consideración o persoal afectado neste convenio e o sector para os vindeiros cambios que poidan afectar no marco laboral e concesional dun sector estratéxico na Galiza".

Volver