Trump asina a esquela mortuoria do libre comercio
Bernard Cassen - 17 Abr 2017
Na conxuntura actual, particularmente marcada polo aumento de poder de China, Trump considera que as medidas proteccionistas servirán mellor aos intereses de Estados Unidos, mais está disposto a cambiar o rumbo da noite para a mañá en caso de necesidade
Para os socios de Estados Unidos, os europeos en primeiro lugar, Donald Trump é un elemento perturbador que, como o ariete utilizado para derrubar murallas, vén embestir contra os seus dogmas máis sagrados. O choque é tan duro que os medios -e, en voz baixa, a maioría dos dirixentes- dubidan da saúde mental do multimillonario que se instalou na Casa Branca. A xeito de contribución á celebración do sesaxésimo aniversario do asinamento do Tratado de Roma (25 de marzo de 1957) que deu orixe ao que é hoxe a Unión Europea (UE), Trump mandou sepultar o seu fundamento máis importante: o libre comercio.
Este aviso de defunción oficial foi proclamado os días 17 e 18 de marzo, con ocasión da cimeira de ministros de Economía do G20 que tivo lugar na estación termal alemá de Baden-Baden. Por orde do Presidente estadounidense, o secretario do Tesouro, Steven Mnuchin, mandou eliminar do comunicado final da reunión o compromiso de “loitar contra todas as formas de proteccionismo”. Este precepto era, no entanto, unha fórmula ritual, sempre copiada e pegada dunha cimeira a outra.
Pouco importa que, nun ou outro momento da historia recente, a maioría dos Estados asinantes se tomasen certas liberdades co libre comercio: este seguía sendo o alicerce ideolóxico da orde económica mundial. Cuestionalo significa debilitar a lexitimidade das institucións do que podemos chamar a Internacional liberal: o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio (OMC), a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), coa UE como vítima colateral.
Con Donald Trump, presenciamos así o regreso do Estado na regulación dos intercambios internacionais. Unha verdadeira herexía para a maioría dos actores económicos e políticos do planeta. Como explicar esta viraxe de 180 graos do novo Presidente estadounidense con relación aos seus predecesores en materia de comercio? A resposta resúmese en dúas palabras que pronuncia constantemente: America First .
Donald Trump, contrariamente aos dirixentes europeos e á Comisión, non se complica con referencias teóricas: non está nin a favor nin en contra do libre comercio ou do proteccionismo. Todo depende do momento e do contexto. Na conxuntura actual, particularmente marcada polo aumento de poder de China, considera que as medidas proteccionistas servirán mellor aos intereses de Estados Unidos, mais está disposto a cambiar o rumbo da noite para a mañá en caso de necesidade.
Lonxe de ser un outsider , Donald Trump inscríbese nunha longa tradición estadounidense de pragmatismo moi ben descrita por Ulysses Grant, presidente de Estados Unidos de 1869 a 1877: “Durante séculos, Inglaterra apoiouse na protección, practicouna até os seus límites máis extremos, e obtivo resultados satisfactorios. Dous séculos despois, atopou vantaxoso adoptar o libre comercio, pois entende que a protección non ten máis nada que lle ofrecer. De acordo, señores, o coñecemento que teño do noso país lévame a pensar que, en menos de douscentos anos, cando Estados Unidos saque da protección todo o que esta pode darlle, tamén adoptará o libre mercado”.
Despois da Segunda Guerra Mundial, Estados Unidos impuxo directa ou indirectamente o dogma do libre comercio á parte do mundo que controlaba. Os tratados europeos son un produto puro desta lóxica. Pero os tempos cambiaron e, para Washington, a liña oficial é, de agora en diante, o proteccionismo. Até o próximo cambio de rumbo, cando as circunstancias o esixan? Paralizada por esas certezas case relixiosas, a UE observa pasivamente este vaivén, así como as vacas miran pasar os trens…
[Artigo tirado do sitio web Rebelión , do 6 de abril de 2017]