Trump, a economía mundial e a crise actual

Orlando Caputo -

É moi probábel que se presente un proceso de ruptura da globalización da economía mundial que dea paso a unha economía mundial conformada por bloques rexionais liderados por Estados Unidos, en acordos bilaterais incluíndo  Reino Unido

A economía de Estados Unidos, e as súas empresas trasnacionais, foron as principais favorecidas coa globalización da economía mundial. A contrapartida foi o profundamento dos problemas económicos, sociais, ambientais e migratorios a nivel mundial, os que tamén se manifestan na sociedade estadounidense. A profunda crise mundial iniciada en 2008 non se superou, senón que está en estado de repouso con convulsións periódicas. Con Trump, a prolongada crise pode ir a máis. É moi probábel que se presente un proceso de ruptura da globalización da economía mundial que dea paso a unha economía mundial conformada por novos bloques rexionais moi competitivos.

Estados Unidos principal, beneficiario da globalización

 Estados Unidos foi o principal impulsor da globalización da economía mundial. Reafirmou o neoliberalismo como o pensamento único. En EEUU combinou o libre comercio con proteccionismo en importantes sectores. Esixiu aos outros países liberdade para as exportacións de mercadorías e de capitais estadounidenses. O goberno estadounidense puxo como exemplo a seguir no mundo a Chile e a México, países que aplicaron en forma extrema e prolongada o neoliberalismo.

 Criticamos a globalización, o neoliberalismo e as súas propostas, porque significaba un aumento da explotación dos traballadores no mundo, privatizacións e desnacionalizacións de empresas, apropiación dos recursos naturais, agudización dos problemas sociais, etcétera. Nos países sen estratexias de desenvolvemento, como en América Latina, destruíase o capitalismo anterior e organizábase un capitalismo desde fóra, profundando a explotación de recursos naturais e incrementando en grado extremo a dependencia.

 Nos últimos anos, as críticas á globalización e ao neoliberalismo incrementáronse. Estados Unidos que implantou a globalización e foi o principal beneficiario, agora, a través de Trump, rexeita importantes aspectos da globalización. Esixe e impoñerá a outros países ampla liberdade para as exportacións e para as transnacionais estadounidenses, nos tratados xa asinados e nos novos que implementará bilateralmente, baixo a síntese “primeiro, os intereses estadounidenses”.

 A economía de Estados Unidos coas súas empresas trasnacionaies foi ampliamente favorecida pola globalización da economía mundial. A contrapartida foi o profundamento dos problemas económicos, sociais, medioambientales e migratorios a nivel mundial, que tamén se manifestan na sociedade estadounidense.

 Coa globalización Estados Unidos, nos 90s, logrou a hexemonía que nos 80 compartira con Xapón e Europa e a reestructuración e dinámica económica nos sectores de alta tecnoloxía -computación, informática, robótica, intelixencia artificial- e, mesmo, na industria automotriz. Esta última pasou de grandes perdas, previa á crise de 2008, a grandes ganancias nos últimos anos.

 A partir de inicios do século XXI, o potente crecemento de China alcanzou un papel importante no funcionamento da economía mundial. Desde hai uns anos, é a primeira potencia económica mundial a nivel da produción, das exportacións e das reservas internacionais. Porén, Estados Unidos mantén a hexemonía mundial, se se ten presente a potencia económica, militar, científica, política, unida ao predominio ideolóxico e cultural.

 Todo o anterior é unha crítica á apreciación parcial, deformada, delirante e enfermiza de Trump sobre os danos da globalización, de México e de China sobre Estados Unidos.

Facer novamente grande Estados Unidos no mundo

 Esta formulación central de Trump sintetizado nun nacionalismo, con máis proteccionismo e máis liberdade para as súas exportacións de bens e de capitais, descoñece, desde o punto de vista histórico e teórico, a existencia obxectiva dunha Economía Mundial que é máis evidente aínda logo de décadas de globalización. A economía mundial é unha totalidade maior á simple suma das economías nacionais da que destacamos cinco características.

  1. A creación dunha estrutura produtiva mundial relativamente sólida por sobre as economías nacionais.
  2. A xeración dun mercado mundial, exportación e importación de bens e servizos, por riba dos países. En termos de cantidades físicas con certa estabilidade, e inestabilidades en termos de valor, por prezos abruptamente cambiantes.
  3. A estrutura mundial actual de produción e de circulación mundial de mercadorías por riba das economías nacionais, está liderada polas grandes empresas transnacionais, sendo as empresas estadounidenses as máis importantes na economía mundial. Estas poderían opoñerse ou limitar as propostas de Trump.
  4. A globalización profundou a nivel das economías nacionais o proceso de desproporcionalidade dos diferentes sectores económicos. Desproporcionalidade que só pode ser resolta na economía mundial se esta funciona con certa regularidade.

 Esta desproporcionalidade é moi fonda para os países atrasados do capitalismo que, como en América Latina, profundaron a especialización en produtos primarios, e, nomeadamente México, que combina especialización en primarios e en industria automotriz para exportar a Estados Unidos.

  1. As verdadeiras crises do capitalismo preséntanse como crise do mercado mundial. Marx, que contemplaba un V libro que titulou Mercado mundial e as crises, afirmou: “o mercado mundial, a sección final, na cal a produción está posta como totalidade […]. O mercado mundial constitúe á vez que o suposto, o soporte do conxunto”.

 A dinámica da economía mundial é moi fráxil e inestábel. Será afectada segundo o grao en que se implemente o proteccionismo e o nacionalismo de Trump, o impacto do Brexit, os posíbeis triunfos de nacionalismos en Europa e as respostas doutros países, en particular, de México e de China. Lembramos que coa moratoria da débeda externa de México se manifestou a profunda crise mundial de 1982.

 A fonda crise iniciada en 2008 non foi superada. O Informe do FMI de abril de 2016 afirma: “… existe unha ampla dispersión de posíbeis desenlaces en torno ás proxeccións, dada a incerteza que rodea á orientación das políticas do goberno estadounidense entrante e as súasa ramificacións internacionais”.

 Pola nosa banda, caracterizamos a crise da economía mundial actual, “en estado de repouso con convulsións periódicas”.

 No curto e medio prazo a crise podería ir a máis na economía mundial acompañada nos primeiros anos de certo dinamismo da economía estadounidense. O profundamento da crise nos outros países podería arrastrar a economía estadounidense tamén a unha crise que á súa vez profundaría a crise da economía mundial.

 En perspectiva, é moi probábel que se presente un proceso de ruptura da globalización da economía mundial que dea paso a unha economía mundial conformada por bloques rexionais liderados por Estados Unidos, en acordos bilaterais incluíndo  Reino Unido. A Unión Europea encabezada por Alemaña. China profundando a cadea produtiva asiática en competencia con Xapón. A situación de Rusia é incerta.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de febreiro de 2017]

 

Volver