Tributo a Moncho Reboiras no 42º aniversario do seu asasinato

A CIG e a Fundación que leva o seu nome realizaron a tradicional ofrenda floral no cemiterio de Imo

Nacional -

O pasado, 12 de agosto, a Fundación Moncho Reboiras e a CIG rendían tributo ao dirixente nacionalista coa tradicional ofrenda floral no cemiterio de Imo, Dodro, onde descansan os seus restos. O Presidente da Fundación, Xesús Seixo, foi o encargado de depositar a ofrenda e lembrar a figura de Moncho Reboiras que, 42 anos despois do seu asasinato, segue a ser o exemplo de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Xosé Ramón (Moncho) Reboiras Noia, na Rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era asasinado a tiros. Alén da súa prolífica militancia nos diferentes campos do nacionalismo popular, Reboiras destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista.

A contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermes do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades. Destes xermolos xurdiría no ano 1975, o Sindicato Obreiro Galego, iniciando ese longo camiño do sindicalismo hoxe representado pola CIG.

Volver