Tres novas sentenzas declaran nulos outros tantos despedimentos no GES da Fonsagrada

A CIG de Lugo-A Mariña insta o alcalde a cumprir de inmediato as resolucións e readmitir o persoal

A Coruña -

Tres novas sentenzas veñen de declarar nulo o despedimento dos traballadores que integraban o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Fonsagrada, condenando ao Concello a readmisión deste persoal e a abonar os salarios de tramitación. A CIG de Lugo-A Mariña volveu demandar da administración local que asine o convenio de colaboración, poña en marcha este servizo de emerxencias e reincorpore o persoal.

Estas resolucións xudiciais súmanse ás tres xa ditadas polos xulgados do social de Lugo a primeiros de xuño. Deste xeito, até o momento, dos dez extraballadores do GES que denunciaron, seis xa teñen recoñecida a nulidade do seu cese. Porén, denunciaba en rolda de prensa o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, acompañado de varios dos afectados, o Concello da Fonsagrada non só non asumiu aínda as primeiras sentenzas, senón que parece que mesmo as vai recorrer.

“Con estas novas sentenzas, temos que insistirlle unha vez máis ao alcalde da Fonsagrada que está na súa man restabelecer o GES, volver dar un servizo público que agora non se presta e cumprir as sentenzas readmitindo a todos os traballadores”, afirmaba Niño.

A este respecto, lembrou que cada día de incumprimento “cústalle cartos a todos os veciños e veciñas, porque quen asume o custe é o Concello e non o alcalde”, denunciou. O Secretario da CIG de Lugo entende que existe un certo ánimo “revenchista” por parte do rexedor local “que non quere asumir a realidade. Se ten un capricho que o pague do seu peto”, censurou.

Así as cousas, Niño subliñou que o verdadeiro problema segue a ser a incerteza na que se atopan os operarios do GES e as súas familias, que mais de seis meses despois de desmantelado o servizo continúan sen poder traballar. Por iso cualificou de intolerábel este tipo de actitudes, “mais cando estamos a falar dunha administración pública”.

Fronte a isto, Antonio Niño demandou do Concello da Fonsagrada que asine dunha vez o convenio de colaboración para a renovación do GES, do mesmo xeito que fixeron o resto dos municipios do país que contan con estes equipos de emerxencias.

A este respecto, salientou que sería unha irresponsabilidade non ratificar o convenio, “mais cando na provincia, a Deputación de Lugo acordou asumir o 100% do financiamento” do servizo e hai outros concellos pendentes de se A Fonsagrada asina ou non para solicitar o seu propio GES.

Volver