Tras o Muro dos dous partidos

Manlio Dinucci -

É todo un símbolo o feito que, na construción de varios tramos desa barreira que separa a Estados Unidos de México, a administración do demócrata Bill Clinton utilizase nos anos 1990 as plataformas metálicas das pistas desde as que despegaran os avións que bombardearon Iraq na primeira guerra do Golfo

É 29 de setembro de 2006 e o Senado de Estados Unidos vota a «Secure Fence Act», lei proposta pola administración republicana de George W. Bush, que estipula a construción de 1.100 quilómetros de «barreiras físicas» fortemente vixiadas na fronteira con México para impedir as «entradas ilegais» de traballadores mexicanos. Richer Durbin, un dos dous senadores demócratas do Estado Illinois, vota «Non», pero o outro vota «Si». O seu nome é Barack Obama e 2 anos despois será electo presidente de Estados Unidos. Entre os 26 demócratas que votan «Si», facendo posíbel a aprobación da lei, aparece tamén o nome de Hillary Clinton, senadora polo Estado de Nova York, que 2 anos máis tarde converterase en secretaria de Estado da administración Obama.

 En 2006, Hillary Clinton xa era toda unha experta no tema da barreira anti-inmigrantes, que xa promovera cando era «First Lady». E é que foi o seu esposo, o presidente demócrata Bill Clinton quen comezou a construción desa barreira en 1994, no momento en que entra en vigor o TLCAN, o Acordo de «libre» comercio entre Estados Unidos, Canadá e México [1], un acordo que abre as portas á libre circulación de capitais e de capitalistas, pero que pecha a entrada dos traballadores mexicanos a Estados Unidos e Canadá.

 O TLCAN tivo efectos devastadores en México. O mercado dese país está inundado de produtos agrícolas estadounidenses e canadenses de baixo prezo -grazas ás subvencións estatais-, o cal provocou a caída da produción agrícola mexicana, con efectos sociais demoledores para a poboación rural. Créase así un viveiro de man de obra barata que será recrutada polas maquiladoras, que son miles de establecementos industriais creados ao longo da fronteira -do lado mexicano- e que na súa maioría son propiedade ou están baixo o control de empresas estadounidenses. Grazas ao réxime de exoneración de impostos, esas empresas exportan cara a México produtos semi-elaborados ou compoñentes de produtos que serán ensamblados en chan mexicano e reimportan cara a Estados Unidos os produtos terminados, obtendo así ganancias moito máis elevadas debido aos custos máis baixos da forza de traballo mexicana, entre outras vantaxes.

 Nas maquiladoras traballan fundamentalmente mulleres novas e mesmo adolescentes. Os horarios son desastrosos, os efectos tóxicos tremendamente elevados, os salarios son moi baixos e os dereitos sindicais practicamente inexistentes. A pobreza, o tráfico de drogas, a prostitución e a criminalidade galopante determinan a existencia de condicións de vida extremadamente duras nesas zonas. Abonda con recordar o nome de Cidade Juárez, na fronteira co Estado de Texas, localidade mexicana tristemente coñecida debido á chea de homicidios de mulleres novas, na súa maior parte obreiras das maquiladoras.

 Esa é a realidade do outro lado do muro cuxa construción iniciou o presidente demócrata Bill Clinton, proseguiu o republicano George Bush fillo e que foi reforzado polo tamén demócrata Barack Obama. Ese é o muro que o republicano Donald Trump quere agora completar cubrindo totalmente os 3.000 quilómetros de fronteira. Esa realidade explica por que numerosos mexicanos arriscan as súas vidas -miles deles morren no intento- para entrar en Estados Unidos, onde poden gañar mellores salarios, aínda que sexa traballando ilegalmente en beneficio doutros explotadores.

 Cruzar esa fronteira é como ir á guerra. Hai que burlar a vixilancia de helicópteros e drons, atravesar barreiras de arame de púas, evitar as patrullas armadas, cuxos membros son a miúdo ex soldados estadounidenses que participaron nas guerras de Afganistán e Iraq e teñen adestramento militar no uso das técnicas que se practican en escenarios de guerra.

 É todo un símbolo o feito que, na construción de varios tramos desa barreira que separa a Estados Unidos de México, a administración do demócrata Bill Clinton utilizase nos anos 1990 as plataformas metálicas das pistas desde as que despegaran os avións que bombardearon Iraq na primeira guerra do Golfo, agresión desatada polo presidente republicano George Bush pai. Recorrendo ao material utilizado nas guerras posteriores, seguramente é posíbel completar esa barreira bipartidista.

 

[Artigo tirado do sitio web Rede Voltaire, do 29 de xaneiro de 2017]

 

Volver