Traballadores/as do Grupo Banco Popular acordan realizar unha concentración o sábado 8 de outubro en rexeitamento ao ERE

A medida foi adoptada no marco da asemblea de persoal convocada pola Sección Sindical da CIG

A Coruña -

Unhas 250 traballadoras e traballadores do Banco Popular-Pastor participaron o luns pola tarde na asemblea convocada pola Sección Sindical da CIG para analizar as informacións facilitadas até agora pola empresa sobre o expediente de regulación de emprego e avaliar as accións a realizar. No marco desta asemblea, o persoal acordou convocar unha primeira concentración de rexeitamento ao ERE, vindeiro o sábado 8 de outubro, en Santiago de Compostela.

A respecto da data escollida, a Secretaria da Sección Sindical da CIG no Banco Popular, Rosa Conde, explica que previsibelmente a próxima semana se proceda ao inicio formal do expediente de regulación, tras do proceso previo de reunións que estabelece o convenio colectivo. Por esta razón, aproveitando a mobilización, realizarase unha nova asemblea de traballadores/as xa coñecendo os criterios de selección e as propostas concretas da entidade bancaria.

Conde apunta tamén que, segundo se acordou na asemblea celebrada na tarde do luns, convidarase ao resto de organizacións sindicais con representación no Banco Popular para que se sumen a esta primeira concentración, así como a estudar un calendario de accións conxuntas de rexeitamento ao ERE.

Unha regulación de emprego que a Sección Sindical da CIG entende completamente innecesaria, sobre todo tendo en conta que parte das traballadoras e traballadores teñen que realizar acotío prolongacións ilegais da súa xornada a causa da falta de persoal. Unhas carencias, subliñan, que tamén padece a clientela. 

Aínda que até o momento a empresa só facilitou os cadros de persoal do Banco Pastor e Popular e a súa distribución xeográfica,  e unha información insuficiente sobre as xustificacións técnicas da medida, os datos “non son esperanzadores, pois arredor do 27% do cadro de persoal que o banco ten en Galiza verase afectado polo ERE”.

A este respecto, Conde lembra que aos 450 traballadores/as que causarán baixa segundo os datos presentados pola empresa, hai que sumar outras 94 persoas na Coruña que quedarán fóra do banco, logo da venda do seu centro traballo ao Grupo Indra. Ademais, engade, ao recorte de persoal engádese o peche de oficinas e o peche parcial de oficinas situadas no rural.

A Sección Sindical da CIG denuncia que, unha vez máis,  “as vítimas da reestruturación son os traballadores e traballadoras, mentres que as persoas responsábeis das erróneas decisións que nos trouxeron a esta situación son "premiadas" con millonarias indemnizacións  e prexubilacións douradas”.

Por iso, dende a central sindical faise unha chamada ao conxunto do persoal a dar unha resposta de unidade e contundente para paralizar esta desfeita laboral.

Volver