Traballadores/as de Tragsa en Galiza mobilízanse diante do Parlamento contra os máis de 70 despedimentos

A asemblea de persoal realizada esta mañá acordou a convocatoria de folga indefinida contra a aplicación do ERE de extinción
A Coruña - 11 Xan 2016
Traballadores e traballadoras de Tragsa iniciaron mobilizacións este luns diante do Pazo de Hórreo en protesta contra o despedimento colectivo que está a aplicar a empresa pública e que até o momento, en Galiza, afectou a 76 persoas. Dende a representación da CIG critican tamén a perversidade na actuación de Tragsa, xa que aproveitou as vacacións de nadal do persoal para comunicar os despedimentos.

Estes despedimentos, que a representación da CIG considera totalmente “inxustificados e inxustos”, enmárcanse no expediente de regulación de emprego que a empresa puxera en marcha en 2013, baseándose en que por primeira vez na súa historia tiña perdas económicas. O ERE supuña destruír 1.336 empregos en todo o estado, 103 en Galiza, co obxectivo, ao entender dos traballadores/as, de destruír emprego estábel, precarizar as condicións laborais e iniciar un proceso de contratación de persoal eventual en precario.

Tragsa comezou a aplicar o ERE, mais o persoal recorreu o expediente e a Audiencia Nacional declarábao nulo en abril de 2014, ordenando a reincorporación dos traballadores/as xa despedidos/as (arredor de 200 até aquel momento).

Porén, a empresa recorreu a resolución no Tribunal Supremo que “sorprendentemente, explica Antonio Ferreño, Secretario do Comité en Galiza, en contra da Audiencia, entende que o expediente está axustado a dereito. E agora Tragsa, coa xustificación económica de 2013, comeza a botar o persoal”.

Deste xeito, a empresa volveu despedir a todos os traballadores e traballadoras que se vira obrigada a readmitir e, ademais, iniciar unha segunda quenda de despedimentos. Con tan mala fe, denuncia Ferreño, que aproveitou que a maior parte do persoal se atopaba de vacacións polo nadal para aplicar a medida e boa parte dos traballadores/as mesmo souberon -o 30 de decembro- do seu despedimento polo ingreso das indemnizacións na conta do banco.

O Secretario do Comité apunta tamén que Galiza é nestes momentos a autonomía máis afectada polo ERE no Grupo Tragsa, xa que o grao de cumprimento do número de despedimentos recollidos no expediente está no 70%.

Un ERE que é “unha fraude”

Para a representación do persoal este ERE é unha fraude, pois a situación actual no Grupo Tragsa nada ten a ver coa existente en 2013. De feito do ano 2014 ao 2015 pasouse dunha facturación de 421 a 660 millóns de euros, volvendo obter beneficios. Ademais, o pasado ano contratáronse máis de 1.100 traballadores/as eventuais,  sumando un total de 4.500 en todo o Estado, “o que evidencia que hai traballo e que non son necesarios estes traumáticos despedimentos”, aseveran dende o Comité.

Ademais, engaden, Tragsa ten débedas pendentes de cobro coas diferentes administracións por enriba dos 450 millóns de euros e unhas reservas voluntarias de máis de 200 millóns de euros. “Reservas das que, matiza o representante do persoal, o Ministerio de Agricultura botou man cando lle interesou, como na crise das vacas tolas”.

Neste senso, Ferreño advirte que para xustificar os despedimentos, a dirección “cargará como gasto as indemnizacións para que volva haber perdas”. De igual maneira, o Comité sospeita que para “trampear e ocultar os beneficios e poder presentar unhas contas perdedoras” impútase como gasto en 2015 a devolución da paga extraordinaria retirada en 2012.

“Estamos falando dunha empresa na que o seu Presidente gana 190.000 euros brutos ao ano, vehículo e gastos aparte. Para manter os empregos non hai cartos, pero para estes gastos si”, lamenta.

Convocatoria de folga indefinida

Previamente á mobilización diante do Parlamento, os traballadores/as de Tragsa en Galiza celebraron unha asemblea xeral nas instalacións da empresa en Compostela para estudar as accións a realizar e na que se aprobou a convocatoria de folga indefinida. Así mesmo, tamén aproveitaron a ocasión para protestar nas oficinas da dirección contra o expediente de extición.