Traballadores/as de mantemento dos estaleiros da ría de Ferrol concéntranse en demanda da subrogación

O persoal realiza estas tarefas dende hai 15 anos

A Coruña -

Traballadores/as de mantemento dos estaleiros públicos da Ría de Ferrol desenvolveron unha concentración ás portas de Navantia este luns día 22 en demanda de que se recoñeza o seu dereito á subrogación na nova empresa que dende o próximo 29 de febreiro se fará cargo do servizo.

A concesión do servizo de mantemento dos estaleiros á UTE Ferrovial-Elinco deixa nunha situación moi complicada os/as 65 traballadores e traballadoras que nos últimos 15 anos viñeron realizando estas tarefas coa UTE formada polas empresas Electrorayma e Tecman.

A CIG-Industria defende o dereito á subrogación en todas as negociacións do Convenio Provincial do Metal e a Sección Sindical en Navantia defendeu que se recollera no acordo sobre auxiliares negociado en Navantia, acordo que finalmente non se chegou a materializar.

Pola contra, no convenio provincial de Cádiz si se recollen cláusulas que garanten a estabilidade no emprego, algo que asegura que os traballadores/as non teñan ningún problema para seguir no seu posto unha vez cambie a concesión.

A CIG demanda tanto á dirección de Navantia como á nova UTE que se habiliten os mecanismos necesarios para garantir a continuidade e os dereitos deste traballadores e materializar a subrogación.

Volver