Traballadores/as de Betanzos HB mobilízanse en defensa das súas condicións laborais e salariais

Realizaron unha concentración na céntrica Praza Hermanos García

A Coruña -

Traballadores e traballadores de Betanzos HB iniciaron este venres mobilizacións en rexeitamento á rebaixa das condicións laborais e salariais que a empresa pretende introducir. O persoal, que contou co apoio e a solidariedade dos veciños e veciñas da vila, repetirá protesta o próximo xoves se a dirección prosegue no seu intento de deixar sen efecto o convenio propio para aplicarlles o convenio provincial da madeira.

Dende o Comité explicaron que o convenio da madeira establece unhas condicións económicas e sociais moi por debaixo das que actualmente ten o persoal de Betanzos HB, e a súa aplicación suporía, entre outros recortes, a perda de máis dun 15% dos salarios en cómputo anual, a conxelación de antigüidade, a anulación dos complementos salariais para a cobertura das ausencias imprevistas, menores retribucións por traballar domingos e festivos, ou o aumento do días de traballo efectivo en cómputo anual.

Xunto a isto, tamén se verían afectados outros dereitos de tipo social: incremento do prezo do comedor, eliminación das becas de estudo, e do fondo de enfermidade. Ao tempo que a empresa pretende aplicar estes recortes ao conxunto do persoal, “a parte directiva ve aumentado o seu salario”, denuncia a representación social.

Neste senso, dende o Comité subliñan que Betanzos HB é unha compañía que obtén importantes beneficios e busca “seguilos aumentando a custo de recortar o salario dos traballadores e traballadoras”. Un obxectivo, critican, para o que a empresa se está a aproveitar das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP.

Ante as ameazas da empresa de pasar ao convenio da madeira a partir de outubro, os traballadores e traballadoras acordaron iniciar un calendario de mobilizacións, que continuará o vindeiro xoves, 8 de setembro, cunha marcha que sairá ás 18:00 horas da fábrica para rematar cunha concentración na Praza de García Hermanos.

Volver