Traballadores/as de ambulancias do 061 da Área Sanitaria de Santiago concéntranse en demanda do cumprimento do convenio

Denuncian que as concesionarias que gañaron o concurso din que non lles dan os cartos e que están ameazando e presionando o persoal para que retiren as súas demandas

Compostela -

Traballadores e traballadoras das empresas concesionarias de transporte sanitario urxente da Área Sanitaria de Santiago concentrábanse este martes diante das dependencias do 061 en demanda do cumprimento do convenio e para exixir que cesen as presións e ameazas de despedimento que se están a producir, sobre todo, en Ambupadrón.

Inácio Pavón, representante da FGAM-CIG de Compostela, sinala que na Área Sanitaria de Santiago hai uns 120 traballadores e traballadoras do sector de transporte sanitario urxente aos que non se lles están cumprindo as condicións contempladas no convenio colectivo, sobre todo en cuestión de horario. Subliña que vén de celebrarse un novo concurso e que as empresas concesionarias que o gañaron xa comezaron  incumprindo.

“O 061 - que é quen presta o servizo do que as empresas son intermediarias por concurso público- sabe perfectamente isto”, afirma e engade que “estamos aquí exixindo que tanto as empresas como o 061 asuman a súa responsabilidade e resolvan o problema dunha vez”.

Lembra que nunha reunión anterior co 061 aseguróuselles que habería negociacións e se intentarían solucionar as diferenzas que se resumen, en síntese, no cumprimento do convenio colectivo.

Porén, denuncia que “non só non su cumpriu iso senón que o que obtivemos foi, primeiro, que andaran a xogar con nós dun lado para outro e, segundo, ameazas e presións aos traballadores para que asuman unhas condicións que non son de recibo porque o convenio colectivo marca claramente outras”.

Estas presións, que sofren sobre todo os traballadores de Ambupadrón, van desde a ameazas de despedimento, a cambio de categoría, de condicións xa pactadas con anterioridade e horarios caprichosos por parte da empresa que implican que traballadores que estaban traballando en quendas de 24 horas seguidas agora pasan a traballar oito horas: seis a mañá  e dúas a noite, cadrando os horarios para que non lle coincidan con dietas.

Pavón denuncia que eses horarios son “claramente ilegais” e afirma que xa están denunciados na Inspección de Traballo, “pero que teñen como obxectivo que a xente aínda cobre menos do que lle corresponde cobrar para que acepte esas condicións” . Porén advirte que “non estamos dispostos a aceptar e menos por esa vía”.

A este respecto, Benigno Fajardo, delegado da CIG das bases de Boiro e Ribeira, da empresa Ambupadrón, engade que o que demandan son sete noites e media de nocturnidade e sete dietas e media, cando o que nos pertencían era catorce, que haxa oito persoas por base, que se cubran as vacacións e que cobrar doce meses igual.

Denuncia que a resposta a estas demandas foros eses cambios de quendas, ameazas e presións e asegura que el mesmo sufriu, hai tres días ameaza de despedimento. Pregúntase “por que se presentaron ao concurso as empresas se sabían que os cartos non lles ían dar” e considera que a resposta de Ambupadrón vén provocada porque “nunca pensaron que os obreiros iamos exixir o que nos corresponde”.

A este respecto, Jesús Rey Ferreiro, delegado da CIG nas bases de Negreira, Muros e Santa Comba, onde a empresa que ten a concesión é Ambuibérica, engade que no seu caso, o problema radica esencialmente en problemas de horarios porque “estamos facendo ao mes 240 horas mensuais”.

Con todo recoñece que a súa situación é mellor porque cando menos Ambuibérica si se comprometeu a arranxar esta situación. Porén lamenta que “levamos xa catro meses e non vemos adiantos”. Por iso afirma que “queremos feitos que demostren o que din”.

Volver