Traballadores/as concéntranse diante de Sogama reclamando a súa intervención ante os problemas laborais en Pacholo S.L.

Transcorridos máis de 3 meses desde que opera a nova concesionaria seguen sen calendarios de traballo, material e medidas de seguridade
Compostela - 09 Xun 2016
Traballadores/as da empresa de transporte de residuos sólidos urbanos Pacholo S.L. concentráronse este xoves ás portas de Sogama para demandar a súa intervención diante dos graves problemas laborais que padecen: falta de horarios de traballo, de medios materiais e de medidas de seguridade. Entenden que é responsabilidade de Sogama asegurar que se garanten as condicións laborais que tiñan, máis cando o propio presidente da Xunta así o afirmou no Parlamento.

Inácio Pavón, da FGAMT de Compostela, lembra que ao persoal de Pacholo S.L. se lle asegurou que aínda que cobrarían menos que coa concesionaria anterior -Pellejero-, gozarían de mellores horarios: cun máximo de 8-9 horas de traballo, incluídos os tempos de descanso, condución, esperas e carga e descarga e que habería cuadrantes para que cada quen organizara a súa vida.

Denuncia que, porén, xa o segundo día de traballo comezaron os problemas e que, transcorridos máis de tres meses, estes aínda non foron solucionados. “Faltan luces nos camións para carga de descarga, falta de roupa de traballo e de augas, faltan botas específicas e mesmo faltan luvas axeitadas”.

Seguridade e saúde laboral

O persoal denuncia tamén incumprimentos en materia de seguridade, tan graves como que haxa camións circulando polas estradas galegas co freo hidráulico necesario para reducir a velocidade nas costas abaixo estragado; sen placas de matrícula; sen extitores preto do lugar de repostaxe ou sen luz para podelo facer de noite. Isto xunto con problemas cos tamaños dos contedores que non se axustan aos tamaños dos camións e van dando bandazos no seu interior con evidente risco de envorque.

Horarios de traballo e sancións

Con todo, o persoal denuncia especialmente os problemas de horarios, a falta de cuadrantes para saber con antelación as quendas de traballo e as sancións cun día de emprego e soldo ás que, a consecuencia disto, se enfrontan 5 traballadores.

Inácio Pavón explica que o pasado 16 de maio estes traballadores foron avisados entre as 18:00 e as 20:30 horas de que tiñan que incorporarse ás 00:00 horas, xa no día 17 de maio. “Dixeron que lles era imposíbel facelo e recibiron a sanción como castigo por non estar dispoñíbeis nun día festivo”.

Xunto a estas sancións Pavón tamén denuncia as de 15 días de emprego e soldo comunicadas a traballadores aos que a empresa non lles facilitou ir ao SMAC da Coruña a presentarse a un acto de conciliación, vulnerando deste xeito o seu dereito a defensa xurídica.

Así as cousas, a FGAMT-CIG de Compostela responsabiliza desta situación a SOGAMA, o PP e o propio Núñez Feijóo, que asumiu no Parlamento de Galiza o compromiso político de asegurar para estes traballadores unhas condicións laborais das que carecen.