Traballadores da empresa concesionaria do servizo de transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama , Pacholo SL, concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa comparecencia do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, na Comisión de Medio Ambiente, a solicitude dos tres grupos da oposición. Unha comparecencia demandada a raíz do conflito que provocou a folga indefinida na que levan, a esta altura, 54 días os traballadores da empresa.
O persoal desta concesionaria non está demandando, con esta folga, melloras salariais ou de xornada, senón denunciando a falta de medidas de seguridade, tanto nos camións, como nas condicións nas que se transporta a carga. Denuncias que derivaron nunha política de acoso laboral ao conxunto do persoal, por parte da empresa Transportes Pacholo S.L., e que tiveron como consecuencia o despedimento de 8 traballadores, para os que exixen a readmisión.
A resposta da empresa foi a de represaliar ao seu persoal porque, segundo ten explicado o presidente do comité, Manuel Regueiro “a seguridade custa cartos” e o que querían era “xente sen escrúpulos que fixera todo sen preguntar”. Por iso entenden que no momento no que os traballadores comezaron a denunciar os incumprimentos en materia medio ambiental, na seguridade vial e no peso real das cargas transportadas foi cando “responderon co acoso, a represión e os despedimentos”.
Os traballadores denuncian tamén incumprimentos en materia de lexislación medio ambiental e exixen tanto a Sogama como á consellaría que interveñan para dar unha solución definitiva ao conflito, como responsables últimas de obrigar ás empresas a cumprir coa legalidade vixente tanto en materia laboral como medioambiental ou de seguridade vial.