Traballadores de Ambunova denuncian atrasos nos pagos das nóminas

Demandan da administración que obrigue, de inmediato, á empresa a cumprir coas súas obrigas laborais

Compostela -

Traballadores/as de Ambunova, empresa adxudicataria do transporte non urxente, veñen de denunciar os reiterados atrasos no pago das nóminas e a situación de incerteza na que se atopan logo de saber que a empresa foi excluída do concurso por unha débeda coa Seguridade Social.

Ambunova, para a que traballan preto de 30 traballadores/as, é unha das empresas que resultou adxudicataria de transporte non urxente no último concurso. Realiza traslados programadas de doentes para diálises ou radioterapia, entre outros, e traslados interhospitalarios –algúns deles urxentes en UVIS medicalizadas- entre o Hospital do Barbanza e o Clínico, fundamentalmente.

A empresa volveu concorrer ao novo concurso, porén foi inmediatamente excluída porque unha das premisas é que as empresas non teñan débedas coa administración e ao comprobar a documentación sóubose que pesaba sobre ela un embargo da Seguridade Social.

Aínda así, como Ambunova son tres empresas: Ambunova, Ambulancias do Salnés e TRAMSA, que van en UTE con ACCIONA, e as outras dúas non tiñan débedas, volvéronas admitir en Ferrol, Vigo e Pontevedra.

Así as cousas, os traballadores denuncian que sofren atrasos reiterados no cobro das nóminas e que o mes pasado tardaron en pagarlles os salarios até mediados de mes. Saben, por outros provedores, que Ambunova tiña as contas embargadas e que non cobraron até que foron desbloqueadas.

A día 30 foron informados de que cobrarían este luns, pero o propio luns á noite confirmáronlles que non se puidera facer o pago. Onte mesmo, recibiron información de que non se lles podía confirmar cando se efectivizaría o ingreso.

Diante disto lembran que a administración está pagando ás empresas, pero esta adxudicataria, porén, non paga os seus traballadores. “Non vai ser á nosa a única empresa á que lle retén os cartos”, afirman.

Por iso entenden que a administración debería actuar e exixir, de inmediato, a Ambunova que cumpra os seus compromisos laborais.

Volver