Persoal do 061 denuncia que a Xunta "está de vacacións" en pleno conflito laboral nun servizo de emerxencias

Grupo Norte recoñeceu que non dá contactado coa Administración para trasladarlle as reivindicacións
Nacional - 23 Ago 2018

Os/as traballadores/as da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 e de Grupo Norte, que xestiona a Central de Coordinación, denuncian que as persoas responsábeis da Xunta "se atopen de vacacións" en pleno conflito laboral nun servizo de emerxencias. A dirección da empresa que xestiona o centro de chamadas recoñeceulles na última xuntanza, celebrada onte, que non dá contactado coa Administración para trasladarlle as reivindicacións do persoal.

Os/as empregados/as do 061 e de Grupo Norte consideran “vergoñento” que os/as responsábeis autonómicos/as estean ilocalizábeis mentres un servizo tan importante como o de urxencias sanitarias se atopa en folga indefinida dende o pasado día 1 para reclamar unha compensación xusta polo traslado forzoso de Santiago á Estrada. O persoal da Central de Coordinación decidiu suspendela mentres teñen lugar as negociacións con Grupo Norte.

Retomar a folga

Precisamente na última xuntanza entre as partes, que tivo lugar onte, a empresa recoñeceulles que non dá contactado coa Administración para trasladarlle as reivindicacións do cadro de persoal. Diante disto, o luns celebrarán unha asemblea de traballadores/as para decidir se retoman o paro indefinido.