O persoal de XEAL concéntrase na defensa dos dereitos e polo desbloqueo da negociación do convenio

O comité solicitou unha nova mediación no AGA e reclama a intervención da Xunta
Cee - 11 Nov 2021

Os traballadores e as traballadoras de XEAL concentráronse na tarde de onte mércores diante da fábrica de Cee en rexeitamento ás pretensións da dirección de recortar os dereitos laborais e salariais deixando decaer o convenio propio para pasar a aplicar o convenio de sector, de condicións inferiores. Coa protesta tamén se reclama un calendario para o rearranque dos fornos e un plan industrial e de investimentos que garanta o mantemento dos postos de traballo, así como a recuperación de todas as capacidades produtivas e dos empregos destruídos.

A respecto do convenio, o comité denuncia que a dirección mantén unha actitude de total bloqueo, dilatando de maneira deliberada as negociacións e negándose mesmo a retomar as reunións, tal e como se lle propuxo cunha convocatoria para o pasado 4 de novembro, que a empresa declinou. E iso, a pesar de que se comprometera a dar resposta á última plataforma de convenio exposta pola parte social en outubro.

Para a representación do persoal esta actuación vulnera o deber de boa fe negocial  "coa única finalidade de provocar o decaemento do convenio e a liquidación da comisión negociadora". Por iso, o comité acaba de solicitar unha nova mediación no AGA para tentar desbloquear a negociación tanto do convenio colectivo como do plan de igualdade, que a dirección tamén ten paralizado.

"Agardamos que desta volta a empresa acepte a mediación e poidamos avanzar nun acordo que permita salvargardar os dereitos laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal", subliña o presidente do comité, Alfonso Mouzo.

Escrito á conselleira de Emprego

Con este obxectivo, engade, o comité tamén remitiu este mércores un escrito á conselleira de Emprego pedíndolle a súa intervención para que inste a empresa a aceptar este proceso de mediación no AGA, posto que XEAL xa rexeitou unha proposta similar feita polo comité no mes de agosto.

No escrito á conselleira lémbrase que XEAL goza de concesións públicas que son competencia da Xunta e que están suxeitas a unhas cláusulas que prohiben a segregación da actividade enerxética da produción de ferroaliaxes, e que o TSXG, en sentenza firme, vinculou ao mantemento do emprego.

"Pois ben, lonxe de cumprir coas cláusulas e acatar as sentenzas, XEAL non só recortou drasticamente a produción dos fornos, senón que agora pretende recortar dereitos recollidos no convenio actual tanto para o persoal activo, como para o eventual e o persoal pasivo (xubilados/as, viúvos/as e persoal de longa enfermidade)", advirte o comité.

Por iso, demándanlle á Xunta unha vez máis  que, "ante os manifestos incumprimentos da empresa no que ten a ver tanto coa produción como agora coas condicións de traballo, declare a nulidade da operación de compra venda entre FerroGlobe e TPG-Itakha e revise e rescate, se procede, as concesións hidráulicas".