Traballadores/as de Hijos de Luis Chao Sobrino protestan en Ribadavia contra as imposicións da empresa

A representación do persoal presentou unha denuncia no Xulgado contra o calendario laboral de 2018
Ribadavia - 01 Mar 2018

Os traballadores/as de Hijos de Luis Chao Sobrino, empresa ourensá dedicada á fabricación de ataúdes, desenvolveu unha concentración diante das instalacións da empresa en Ribadavia este luns 26 para rexeitar a imposición do calendario laboral de 2018, cuestión que foi denunciada nos Xulgados. Os delegados/as de persoal denuncian que a dirección escúsase no proceso concursal para “pasar por enriba” dos dereitos dos empregados/as e para non respectar os acordos acadados na negociación colectiva.

A práctica totalidade do cadro de persoal -integrado por 37 traballadores/as- participou na protesta convocada polos delegados de persoal da CIG e da UGT (o de CCOO vén de ser despedido e o sindicato non participou na mobilización) ás portas da factoría na localidade ourensá de Ribadavia, onde se despregou unha faixa na que se podía ler 'Na defensa da negociación colectiva e dos dereitos adquiridos'. Denuncian que a situación que padecen roza en moitos casos o acoso laboral, e solicitan a apertura dunha negociación que posibilite chegar a acordos que sexan satisfactorios para ambas partes.

Lembran que tras manter unha única reunión coa nova xerencia, que se nega a convocar outra xuntanza para a negociación do calendario laboral de 2018, a sociedade optou unha vez máis pola imposición unilateral do calendario. “Non é a primeira vez que dende o cambio de dirección a empresa obvia os dereitos dos traballadores/as (que arrastran unha débeda de tres mensualidades e sufriron tres ERTE) e mesmo trata de de culpabilizalos/as da situación que atravesa a compañía, cando é que sucede é responsabilidade unicamente da empresa”, indica o secretario nacional da CIG-Construción.

Plácido Valencia critica que dende a súa chegada a nova xerencia o único que fai é “aplicar o látego” cos empregados/as, “pasando por riba dos dereitos adquiridos, dereitos que nalgúns casos foron cedidos de maneira voluntaria para garantir a viabilidade da empresa; pero semella que esta nova xerencia nunca está satisfeita e unha e outra vez trata de roubarlles aquilo ao que teñen dereito”.

Seguirán coas medidas de presión

Diante disto, adianta que as medidas de presión non se quedarán só nas protestas públicas, senón que tamén acudirán aos Xulgados as veces que sexan precisas, como sucedeu coa imposición do calendario laboral, cuxo xuízo se celebrou este mércores pasado. “Os operarios/as teñen cedido en moitas ocasións para garantir a viabilidade da sociedade, mais non parece ser suficiente para a nova dirección”.

Polo tanto, coa protesta diante das instalacións da empresa o cadro de persoal quixo rexeitar publicamente os métodos de traballo da nova xerencia, que impón medidas “leoninas” e pasa por riba dos dereitos acadados mediante a negociación colectiva. Ademais, anuncian que tentarán chegar a acordos e amósanse dispostos/as a escoitar as propostas da empresa, pero aseguran que se manterán firmes co calendario de mobilizacións e reclamacións pola vía xudicial no caso de que a dirección non mude de actitude.

Finalmente, dende a federación de Construción e Madeira da CIG reiteran a total disposición "a abrir dun xeito real a negociación" e a buscar solucións que garantan a viabilidade da empresa, "unha das de maior volume da comarca do Ribeiro".