Manifestación dos traballadores/as de Alcoa en defensa do emprego e por medidas de seguridade reais

Reclaman a readmisión do compañeiro despedido tras o accidente ocorrido en xuño
San Cibrao - 17 Ago 2017

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa realizaron unha manifestación a primeira hora deste xoves para esixir que se readmita a un compañeiro despedido, logo do accidente rexistrado na fábrica de San Cibrao o pasado 20 de xuño. A marcha desenvolveuse baixo o lema "Pola defensa dos postos de traballo. O despedimento non é a solución".

A dirección, segundo explica o presidente do comité, Xosé Paleo, culpabilizou en exclusiva ao traballador polo accidente no que outro operario resultou ferido grave. Porén, aclara, no informe elaborado pola representación social para a Inspección de Traballo, demóstrase que o operario despedido cometeu (dende o punto de vista da seguridade) unha falta, mais esta non foi a causa raíz do accidente.

A orixe do condensado de vapor que provocou queimaduras graves no operario, está na presenza dunha válvula que cualifican de "fantasma", xa que nin ten denominación nin está recollida en ningún plano.

Esta válvula foi instalada hai cinco anos para a realización dunhas probas e abrírase quince días antes do accidente para a realización de novas probas, quedando acesa. "Pero a empresa non di nada da presenza desta válvula no seu informe", denuncia Paleo, "pola contra, toma ao compañeiro como cabeza de turco", aplicándolle a sanción máis dura: o despedimento.

Neste senso, lembra que poucos días antes tivera lugar un accidente mortal nas instalacións da Mariña, polo que se teme que a decisión de despedir ao traballador teña un carácter máis exemplarizante e para botar balóns fóra, que de interese real por buscar responsabilidades e corrixir deficiencias na prevención e na seguridade. De aí que parte do lema da mobilización de hoxe sexa "o despedimento non é a solución".

Medidas de presión

A pesar dos intentos do comité para chegar a acordos e que lle poñan outro tipo de sanción ao compañeiro, a dirección non deu marcha atrás na súa decisión. Fronte a isto, o persoal acordou desenvolver este xoves unha manifestación, entre ás 07:30 ás 09:00 horas, que partiu da saída do cruce de subministración e ocupou as tres entradas á fábrica.

Mais tamén, iniciar accións de presión como a non realización de horas extraordinarias -agás as que son de forza maior-; cumprir as normas de procedemento ao 100%; denunciar calquera presión para realizar  o traballo saltándose as normas; non asinar permisos de acceso por quen non teña responsabilidade de mando ou sen verificar que se cumpre ao 100% a consignación; non asinar a formación que non se realiza; ou non realizar dobraxes ou cambios de quenda a petición da empresa, entre outras cuestións.