Traballadoras/es do Banco Popular-Pastor continúan as mobilizacións contra o ERE

Realizaron unha concentración na Coruña coincidindo cunha nova xuntanza do período de consultas
A Coruña - 13 Out 2016
Traballadoras e traballadores do Grupo Banco Popular continuaron este xoves pola tarde coas mobilizacións en rexeitamento ao ERE formulado pola entidade para 2.894 empregados/as en todo o Estado, dos que 435 están en Galiza. Ademais, no noso país pecharanse 42 oficinas do total de 302 incluídas no plan de reestruturación, converténdose Galiza no territorio máis afectado por este proceso.

A protesta celebrouse esta tarde diante do Edificio da Fundación que entidade ten en pleno centro da Coruña ao berro de "Este ERE ímolo parar" ou "ERE de extinción para a dirección".

Dende a Sección Sindical da CIG sublíñase que os cadros de persoal en Galiza xa están bastante axustados logo de que saíran prexubiladas 400 persoas cando se produciu a fusión e outras 400 marcharan a Madrid ou abandonaran a empresa cando se desmantelaron os servizos centrais en Galiza. Unha situación que se verá agravada polo aplicación do ERE.

Por iso, subliñan, as negativas consecuencias desta decisión son evidentes: tanto pola perda dos postos de traballo, como directamente para a clientela e usuarias/os, que padecerán o empeoramento na atención e calidade do servizo, como resultado da diminución do número de oficinas e incluso a desaparición dun bo número delas no rural. "Consúmase así o proceso de redución do sistema financeiro galego nun contexto de encarecemento dos servizos que viña ofrecendo", denuncian.

A este respecto dende a CIG reclámase da empresa máis propostas que faciliten as saídas voluntarias, así como a aplicación de fórmulas alternativas que permitan rebaixar de forma substancial o número de persoas afectadas (como pode ser a aplicación dun ERE temporal, excedencias remuneradas, etc.).

En todo caso, a Sección Sindical responsabilizou da situación aos propios xestores do Grupo pola política de negocios emprendida, que provocou que o banco teña un enorme stock de inmobles e de chan "que agora queren pagar con postos de traballo".