Traballadoras/es de Extel mobilízanse masivamente en rexeitamento ao ERE

A xornada de paros laborais enmárcase no calendario de accións xa convocadas en todo o sector polo bloqueo na negociación do convenio

A Coruña -

Ao berro de “Este ERE ímolo parar”, as traballadoras e traballadores de Extel mobilizáronse este xoves contra o expediente de extinción que a empresa pretende aplicar e que afectará a 205 persoas na plataforma da Coruña. As protestas desenvolvéronse coincidindo coa nova xornada de paros que a CIG xa tiña convocada no sector, en demanda dun convenio colectivo digno para os centros de chamadas a para denunciar o bloqueo da negociación colectiva a nivel estatal.

Galería de imaxes

O persoal de Extel na Coruña está a secundar de xeito masivo os paros de dúas horas por quenda e as concentracións e manifestacións ás portas da plataforma, para amosar así o seu rexeitamento ás pretensións da empresa de desfacerse de 205 traballadores/as. Unha cifra que supón o 58% do total de persoas que se verán afectadas polo ERE presentado por Extel -compañía subcontratada por Movistar para a realización de servizos de atención telefónica- en todo o estado.

Yolanda Martínez, delegada da CIG, rexeitaba rotundamente as razóns alegadas pola empresa para xustificar a medida, que considera totalmente desproporcionada. "Formulan o ERE por causas organizativas, aludindo a que non hai traballo, pero iso é mentira. O que fai Movistar é desviar as chamadas para outras empresas, tanto dentro do estado español como fóra, en vez de remitilas ao centro da Coruña".   

Neste senso, destacou o impacto que, de aplicarse, terá o ERE para o tecido económico da cidade, xa que dunha soa atacada 205 persoas quedarán sen emprego. "Son 205 familias afectadas, porque hai que ter en conta que hoxe o traballo nos centros de chamadas xa non é un emprego secundario, senón que en moitos fogares este é o único soldo que entra", alertou.

Xunto a isto, Martínez lanzou un chamado ás clientas e clientes de Movistar para que demanden a atención telefónica en galego. "Iso garante os postos de traballo na nosa terra", subliña. "A clientela ten que esixir nos seus contratos ser atendida en galego, así xa se evita que as chamadas sexan desviadas ás plataformas doutras cidades ou incluso a fóra do estado".

Sobre este punto, a delegada sindical puxo a atención na falta de lexislación específica en materia de protección de datos de carácter persoal en moitos dos países aos que as grandes compañías telefónicas deslocalizan os seus servizos, cos riscos que isto conleva.

Xornada de folga no sector o 6 de outubro

Diante da desfeita laboral que propón a empresa, a representación da CIG advirte que non cesará na loita até lograr paralizar este ERE e instou a todas as traballadoras e traballadores de Extel a participar na xornada de folga convocada no sector para o próximo xoves día 6 de outubro.

Co gallo da folga tamén está convocada na Coruña unha manifestación para ese días que sairá ás 20:00 horas da tenda de Movistar na rúa Ramón y Cajal e irá até a Praza de Pontevedra. 

Volver