As traballadoras de limpeza de Correos proseguen na Coruña as mobilizacións polo cobro dos seus salarios

Nacional - 22 Xun 2023

Traballadoras e traballadores de JCórdoba (SCT) continúan coas mobilizacións para exixirlle á empresa que abone de inmediato a nómina de maio. Desta volta a protesta realizouse diante da xefatura provincial de Correos, a quen lle reclamaron que asuma as súas responsabilidades neste conflito, xa que SCT é a concesionaria do servizo de limpeza da empresa pública postal nas catro provincias.

Limpiezas JCórdoba ten pendente de pagar a nómina de maio a todo o seu persoal, pero os problemas, explica a CIG-Servizos, comezaron no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Hai que ter en conta que nin sequera se presentou ao concurso a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.

A CIG-Servizos considera que a gañadora do concurso, para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e agora as consecuencias páganas as traballadoras. O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custes. O impago repítese en todos os lotes do servizo de limpeza de Correos que a empresa ten adxudicados no Estado.

Para a CIG con esta medida a empresa pretende obrigar as traballadoras a saír á rúa a defender os seus dereitos e aproveitar esta presión sindical para solucionar os seus conflitos particulares con Correos e que se renegocie o contrato.

Esta situación de maltrato empresarial, explica a CIG-Servizos, iniciouse no mesmo momento da subrogación do servizo, ao realizar a empresa as comunicacións desa subrogación fóra dos prazos estabelecidos. A isto hai que engadir que a empresa non atende as incidencias que xorden a diario no servizo, como a falta de uniformidade, de material de traballo ou a falta das máquinas de limpeza de xeito operativo.

Por iso exixe a STC que proceda de inmediato a aboar a nómina adebedada ao persoal e advirte que, do contrario, iniciarase un conflito sindical duro coa convocatoria de mobilizacións e a adopción de todas as medidas necesarias para garantir os dereitos das traballadoras e traballadores. Medidas entre as que xa se adoptou a de denunciar esta situación perante a Inspección de Traballo.