Traballadoras/es de Gadis protestan na Coruña contra os abusos laborais, as presións e a sobrecarga

A Coruña - 09 Feb 2024

Delegadas e delegados da CIG en Gadis concentráronse este venres diante do supermercado que a compañía ten no número 121 da Avda. de Oza (A Coruña) en defensa dos dereitos laborais e para reclamarlle á empresa que non ampare actitudes avasaladoras e tiránicas por parte das persoas encargadas dalgunhas tendas.

A sección sindical da CIG rexeita este tipo de comportamentos e presións sobre o persoal "que provocan un clima laboral inaceptábel" co único obxectivo de "facer máis caixa". Coa protesta reclámanlle a Gadis que non consinta estas actitudes e respecte os dereitos laborais "porque temos dereito a desenvolver o noso traballo nun espazo seguro, cunha atmosfera de paz e tranquilidade e sen abusos de poder. E así seguro que poderemos traballar dun xeito máis produtivo", apuntan.

Estas presións e actitudes déspotas vense agravadas polos cadros de persoal insuficientes e a non substitución das vacacións e baixas, o que está a provocar unha sobrecarga de traballo inasumíbel que acaba afectado á saúde das traballadoras e traballadores. Por iso, a representación da CIG (maioritaria no comité provincial) exíxelle a Gadis que faga máis contratacións e deixe de explotar o persoal, sobre todo tendo en conta os millonarios beneficios que obtén a empresa.

Perseguir o persoal de baixa

Con esta mobilización tamén se quixo rexeitar a contratación por parte de Gadis dunha empresa externa, Q-Ready, para que faga o control do absentismo laboral. Esta práctica, cada vez máis estendida entre as grandes empresas, baixo a escusa dun mellor seguimento das persoas en situación de IT, en realidade o que persegue é presionar as traballadoras e traballadores que están de baixa para que se reincorporen canto antes, incluso contra o criterio do persoal médico do SERGAS.

"É inaceptábel a expresión empregada por Gadis ao respecto de baixas xustificadas ou non xustificadas", aseveran as delegadas da CIG e pregúntanse se para a compañía "somos persoas traballadoras enfermas fraudulentas" e se tamén son "fraudulentos os criterios dos médicos/as facultativos/as que nos dan os partes de baixa".