Traballadoras/es de Eroski-Familia seguen mobilizándose pola volta ao convenio provincial da Coruña

Ferrol - 05 Mai 2023

A sección sindical da CIG en Eroski-Familia continúa coa campaña de mobilizacións para reclamarlle á empresa que regrese ao convenio provincial do comercio de alimentación da Coruña, do que saíu en 2006 para comezar a aplicar un convenio propio de condicións inferiores. Desta volta, a protesta, con carácter lúdico-reivindicativo, realizouse diante do Centro Comercial Odeón de Ferrol (nas proximidades hai un Eroski Center) e consistiu nunha pipocada popular.

As delegadas da CIG explican que os salarios en Eroski (que en Galiza opera como unha sociedade co grupo Vegalsa) son os máis baixos de todo o sector e ademais é a empresa que ten as peores condicións laborais. Por imperativo legal, Eroski-Familia tivo que actualizar as retribucións do persoal, xa que as táboas salariais dun convenio de empresa non poden estar por debaixo das que marca o convenio sectorial de referencia.

Porén, a compañía, en lugar de atenden as demandas da CIG, adoptou as táboas do convenio estatal de grandes almacéns, cuxos salarios seguen sendo inferiores aos do convenio do comercio de alimentación da Coruña. Pero a actitude de Eroski-Familia resulta tan ruín, subliñan, que foi ás táboas máis baixas, topou as contías que corresponden por antigüidade e non incorporou sequera o plus de transporte que recolle o convenio de grandes almacéns (o que lles permitiría cobrar 1000 euros máis ao ano).

Neste senso, as delegadas da CIG sinalan que "nós non somos traballadoras/es de grandes almacéns. O argumento que utiliza a empresa valería para equipararnos a calquera convenio, como o de comercio vario. O que fixeron foi ir ás táboas máis baixas a nivel estatal e meternos aí para cumprir coa lexislación, pero sen recoñecer a antigüidade (o máximo que poderemos cobrar serán 160€ anuais por catro cuadrienios) e sen o plus de transporte que hai en grandes almacéns", denuncian.

A solución adoptada por Eroski-Familia supón condenar as traballadoras e traballadores a seguir sendo os peor pagados e á precariedade laboral, pois dende a saída do convenio provincial, o persoal perdeu dereitos a nivel de xornada e licencias: traballan 60 horas máis ao ano, non teñen recoñecidos os tres días de asuntos propios, nin o dereito a coller tres sábados ao ano sen que se mova o resto do calendario.

Por iso, xa avanzan que continuarán coas mobilizacións porque ""nós o que queremos é cobrar e ter as mesmas condicións que as compañeiras de Gadis ou Froiz".