Traballadoras/es de Atento mobilízanse contra as presións da mutua para que o persoal acurte as baixas

Esixen o cese destas actuacións de Fraternidade Muprespa e que respecte "o noso dereito á saúde"
A Coruña - 27 Xun 2018

Traballadoras e traballadores de Atento desenvolveron este mércores unha concentración diante das oficinas que a Fraternidade Muprespa ten na Coruña en rexeitamento "ás malas prácticas que a mutua está a realizar ", nomeada no relativo ás "presións desmedidas" que exerce sobre o persoal para que acurte a duración das baixas. 

Durante a protesta, o comité remitiulle ao director de Fraternidade Muprespa un escrito para esixir o cese destas actuacións e esixir "que se respecte a nosa saúde", lembrándolle que xa hai un mes que lle trasladaron as queixas por esta situación, mais até o momento nada mudou.  

A representación social denuncia que a mutua exerce presións desmedidas para que os traballadores e traballadoras de Atento soliciten a alta médica e "se  non o fan, propón a alta aínda que a persoa afectada siga enferma".

"Acósannos dende o primeiro día que estamos de baixa, presionándonos para que pidamos a alta e cando non estamos dispostas/os a facelo porque non estamos recuperadas/os, fan directamente proposta á Seguridade Social", explican.

Xunto a isto, critican que Fraternidade Muprespa non lles presta a atención sanitaria adecuada e en ocasións incluso se nega a atender as traballadoras e traballadores que se desprazan até as oficinas "con calquera desculpa, como que pechan en quince minutos".

"Estase a dar un deixamento das funcións asistenciais da mutua para convertese nunha institución cuxa única finalidade é conseguir que os traballadores e traballadoras acudan ao seu posto con independencia do seu estado de saúde", subliña o comité no seu escrito.

Mobilizacións todos os luns na empresa

A concentración deste mércores súmase ás mobilizacións que o persoal da plataforma de Atento na Coruña vén realizando dende hai un mes para esixir o cese da política de presións, coaccións, sancións e despedimentos. Así, os luns de cada semana, as e os traballadores secundan paros de unha hora por quenda laboral e concéntranse diante das oficinas de Atento na rúa Juan Flórez.

A representación social mantivo unha reunión coa empresa hai un par de semanas na que, sorprendentemente, a dirección manifestou non ter coñecemento de ningunha das cuestións polas que se iniciaron as mobilizacións, nin constancia dos múltiples escritos remitidos polo persoal, nin dos requirimentos e multas da Inspección de Traballo. Dende entón non se produciron novos contactos nin se achegaron propostas de solucións, polo que os paros e concentracións continuarán nas vindeiras semanas.