Traballadoras de axuda no fogar concéntranse na CEG para esixir a negociación do convenio galego
Está sen actualizar dende 2012 pola disolución da asociación patronal
Traballadoras dos servizos de axuda no fogar privatizados concentráronse este martes diante da sede da Confederación de Empresarios de Galiza para esixirlles que constitúan a mesa de negociación para a renovación do convenio colectivo do sector, sen actualizar dende 2012, a causa da disolución da asociación patronal de ámbito galego.
A CIG-Servizos lembra que a patronal galega disolveu a súa asociación despois da sinatura do último acordo na crenza de que desaparecendo eliminaba o convenio galego, pasando a regularse polo marco estatal. Un claro erro estratéxico xa que o convenio seguiu en vigor, mais en todo este tempo a parte social non logrou que o empresariado volvese organizarse para poder negociar un novo texto.
Con todo, dado que o convenio ten unha cláusula que expresa que se non se negocia un novo os aumentos salariais serán os que marque o IPC, as traballadoras/es puideron ir tendo unhas subidas mínimas.
Hai case dous anos que a CIG mantén reunións no Consello Galego para instar a patronal a que se asocie sen conseguir até agora avances neste sentido. Por iso, na concentración deste martes a central sindical entregou un escrito á CEG para que, en ausencia dunha asociación empresarial do sector, asuma a negociación do convenio e constitúa xa a mesa negociadora, posto que legalmente está capacitada para facelo.
Por un sistema público de coidados
A protesta, realizada tras da asemblea nacional de delegadas de axuda no fogar que tivo lugar no edificio CERSIA de Compostela para abordar a situación do convenio e debater as accións a desenvolver, marca o inicio dun calendario de mobilizacións coa que a CIG quere forzar a negociación do convenio galego e avanzar na dignificación das condicións laborais e salariais dun sector altamente feminizado e precarizado, pero que segue a estar pouco valorado social e economicamente a pesar de que se evidenciou esencial nesta pandemia.
Neste senso, cómpre lembrar que a CIG promoveu o pasado ano unha ILP no Parlamento galego na que solicita a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas integrado por unha única rede pública que preste os servizos que actualmente se ofrecen nos centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; de atención á diversidade; servizos de axuda no fogar; e outros recursos como Casas Niño, casas das persoas maiores, xantar na casa etc.
Servizos que para a central sindical teñen que estar suficientemente dotados tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos, “dignificando as condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación dun mesmo convenio colectivo”. Nomeadamente, incorporaranse a esta rede pública todos os actuais Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e iniciarase a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas.