O persoal de Terpil inicia folga indefinida polo cobro dos salarios e a continuidade dos empregos

Cervo - 27 Xun 2023

Os traballadores e as traballadora de Terpil (auxiliar de Alcoa) iniciaron este martes unha folga indefinida para exixir o cobro do salarios pendentes e garantías de continuidade dos empregos. Nesta xornada, a totalidade do persoal está secundando a folga e manifestouse a primeira hora da mañá dende o restaurante Sarria até a entrada do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao.

A finais de novembro do pasado ano, explica Unai Donoso, delegado da CIG no comité, o persoal xa desenvolvera paros de dúas horas polos atrasos no pago das nóminas. Daquela chegouse a un acordo coa empresa para o abono dos soldos pero hai uns meses os problemas volveron, ao punto de que os traballadores/as teñen pendente de cobrar a nómina de maio e a paga extraordinaria de marzo.

A incerteza sobre o futuro laboral agravouse tras a propia empresa informar que ía solicitar concurso voluntario de acredores e que non podería afrontar o pago das nóminas dos próximos meses por falta de liquidez.

Diante disto, o comité acordou convocar folga indefinida e mobilizacións diarias para exixir que se respecten os seus dereitos e reclamar garantías de emprego. Donoso apunta que aínda que a redución da actividade produtiva no complexo industrial afondou na crise, a situación actual da empresa débese á nefasta xestión realizada nos últimos anos.

Por iso, coas mobilizacións tamén se reclama a intervención de Alcoa, como responsábel do contrato, e que se garanta a subrogación de todo o persoal de Terpil que traballa nas instalacións de San Cibrao.