Técnicos/as sanitarios/as da FGAMT-CIG inciden en reclamar unha ambulancia medicalizada para o Salnés

Mantiveron unha xuntanza co BNG para analizar o déficir de atención sanitaria na comarca
Vigo - 01 Set 2016
Técnicos/as sanitarios/as da FGAMT-CIG incidiron este martes na necesidade de que a comarca do Salnés conte cunha ambulancia de soporte vital avanzado (medicalizada), reclamación que a central mantén dende hai varios anos. Un grupo de profesionais do sector tivo unha xuntanza co BNG en Vilagarcía para analizar o déficit de atención sanitaria na comarca, a cuxo remate se desenvolveu unha concentración.

Na reunión participou unha representación de técnicos/as sanitarios/as da FGAMT-CIG e outra do BNG. Ambas as organizacións coincidiron na necesidade de que a comarca do Salnés conte cunha ambulancia de soporte vital avanzado de forma prioritaria, pois a demanda desa unidade medicalizada “é unha necesidade máis que xustificada”, tanto polos datos dos propios/as técnicos/as do servizo de emerxencias, como por un recente informe da Sociedad Española de Medicina de Emergencias Sanitarias (SEMES).

Segundo explican dende a central, este informe da SEMES o que fai é dar máis arguemntos aínda á reivindicación dos técnicos/as sanitarios/as e da CIG. Nas súas conclusións, sinala que a UVI móbil para O Salnés “debera estar dispoñíbel 24 horas 365 días ao ano e dotada de persoal experto na asistencia de emerxencias, dependente do 061 de Galicia, con capacidade de resposta en menos de tres minutos ante calquera emerxencia que ocorra en calquera punto da comarca e que chegue con garantía de éxito nun tempo máximo de 20 minutos”.

Os representantes da CIG aportaron datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) e a súa propia experiencia no día a día. O técnico de emerxencias sanitarias José Manuel Ribadomar lembrou que “levamos reivindicando a UVI móbil dende 2014, unha reivindicación que iniciou a CIG e posteriormente foi asumida polos veciños/as da comarca. Ao mesmo tempo, indicou que os profesionais trasladan as dificultades que día a día atopan no seu traballo, os problemas e as deficiencias na asistencia extrahospitalaria de emerxencias.

Pola súa banda, a representación do BNG comprometeuse a levar a problemática ao Parlamento galego e a solucionar as carencias de forma “prioritaria” no caso de conseguir os apoios suficientes para entrar no futuro Goberno da Xunta. Posteriormente á reunión celebrouse unha concentración na Praza de Galiza para reclamar publicamente a dotación dunha ambulancia medicalizada para o Salnés.