Técnicos de emerxencias, 061 e bombeiros súmanse ás denuncias de atrasos no 112

Alertantes chaman directamente aos servizos de emerxencias por non poder contactar co 112

Nacional -

Representantes das/os traballadoras/es dos servizos de emerxencias do 061, ambulancias e bombeiros públicos e privados compareceron esta mañá en rolda de prensa, xunto con membros do comité de folga do 112, para denunciar os atrasos na xestión das emerxencias derivados dos fallos da plataforma informática que entrou en funcionamento coincidindo co traslado da central de atención de emerxencias á Estrada.

Isabel Moares lamentou que as previsións máis pesimistas se cumpriran a pesar de que o volume de chamadas, porque non hai temporal nin ningunha emerxencia grande a destacar, é inferior ao que adoita ser. “A central está colapsada”, afirmou.

Xunto a isto, denunciou a actitude da Xunta de Galiza, que non quixo escoitar as advertencias que viñan facendo as/os traballadoras/es; que decretou uns servizos mínimos ilegais do 100% cando o persoal decidiu ir á folga e que, agora pasou ao 80% cando o auto xudicial, inicialmente, estimaba que terían que ser do 60%. Unha administración que, segundo dixo, “criminaliza” aos traballadores e traballadoras en folga “perseguindo e acosando ao persoal”.

Estrés, frustación e desesperación

A presidenta do comité de empresa do 112 tamén denunciou o estado no que se atopan o persoal que está traballando. “Grande profesionais que fixeron fronte á vaga de lume de 2006, ao Prestige ou ao accidente do Alvia, que o souberon facer con serenidade e que agora mesmo están totalmente superados e frustrados”.

Así, afirmou que hai “compañeiros e compañeiras que saen chorando –e non é unha exaxeración- porque non son capaces de sacar o traballo adiante porque o programa está colapsado. A plataforma informática non funciona, temos que facer chamadas ao exterior a través de teléfonos móbiles, párase, bloquéase, sácanos fóra do programa… cantidade de irregularidades”. E concluíu que “isto non tiña que ter pasado” porque “non pasaba nada se o traslado se atrasaba unhas semanas, non pola folga, senón porque o programa non está rematado”.

Atrasos repercutidos nos outros servizos de emerxencia

Moares alertou de que todos os problemas no 112 se están repercutindo aos organismos cos que traballan: ambulancias, bombeiros ou 061, entre outros. E advertiu que “estamos falando de vidas humanas, de emerxencias, non de ningunha nimiedade. Non pode pasar isto nunha central de emerxencias por un traslado unilateral e unha formación deficiente e insuficiente para utilizar un programa que non vai”.

De feito estas denuncias foron corroboradas polos representantes das/os traballadoras/es dos outros servizos de emerxencias. Así Mario Otero, presidente da Xunta de Persoal do 061, que manifestou a súa solidariedade co persoal en folga no 112 e que lembrou que serán os seguintes en ser trasladados para A Estrada, previsibelmente contra finais de ano, denunciou que desde que se produciu o traslado “vimos experimentando uns tempos disparados en canto ao momento no que precisamos contactar co 112”.

Explicou que polo traballo que se fai no 061 precísase contactar coa central de emerxencias “para pedir reforzos por se hai que chamar a forzas de orde pública, chamar aos bombeiros ou coordinar diferentes actuacións”. Asegurou que esas chamadas antes se contestaban de forma inmediata, pero que agora “estamos tendo casos nos que houbo que agardar cinco, sete ou mesmo, no peor dos casos, algunha chamada que chegou a demorar os dez minutos”. Unha media de espera que “está disparadísima” o que indicou que é facilmente comprobable porque toda actividade nunha central de emerxencias está monitorizada e “hai informes que o poden demostrar.”

Otero fixo un chamamento á Xunta de Galiza “porque creou un problema que está nas súas mans solventar”. Indicou que os conflitos “se resolven falando” e fixo un chamamento “para que se atendan as demandas do comité de folga do 112, que senten a negociar unha solución pactada que poidan minimizar as consecuencias do traslado e que axuden a que se remate coa situación de semicolapso na que nos atopamos”.

O presidente da Xunta de Persoal do 112 advertiu que “se hai consecuencias máis graves, temos claro que será a Xunta de Galiza a responsábel”, aínda que matizou que “non queremos alarmar á poboación, as emerxencias estanse atendendo todas, pero non nos tempos que nos gustaría”.

Privatización de servizos públicos esenciais

Pola súa banda Gustavo Tubío, representante da plataforma de bombeiros públicos de Galiza denunciou que moitos dos problemas que agora se están vivindo no 112 veñen derivados dunha “mala práctica do noso goberno, empeñado nun modelo de xestión no que prevalece o negocio sobre os intereses xerais da sociedade galega”.

Lembrou que o 112 é un servizo esencial para a seguridade de todos/as porque se encarga da activación e coordinación de medios tan importantes como o 061, as distintas forzas e corpos de seguridade, como policía nacional, policía local, garda civil, ademais dos bombeiros, entre outros.

Tubío denunciou ademais que os bombeiros estanse atopando con problemas día a día, desde que se produciu o traslado, porque as chamadas, se non entran no sistema informático, non entran no 112. Isto está provocando, segundo asegurou, “atrasos nas intervencións ou fallos na coordinación por problemas territoriais”, entre outros.

O representante da Mesa Intersindical de Bombeiros de Galiza tamén corroborou as denuncias feitas desde os outros servizos de emerxencias polas demoras nas comunicacións co 112, “pola nosa parte mais tamén por parte dos alertantes”. Isto “atrasa a recepción da chamada e, polo tanto, un atraso no comezo das intervencións” e mesmo fixo referencia a algún caso no que a persoa alertante “se buscou a vida” para poder contactar directamente co seu servizo ao non ser atendida polo 112.

En representación da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias de Galiza e da Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias, José Iglesias puxo en cuestión o traslado e a “chapuzada” e “cabezonería” da Xunta de Galiza. Lamentou que as compañeiras e compañeiros do 112 o estiveran pasando “tan mal”. Denunciou que “todos eses recursos que se empregaron nesa sede faraónica da Estrada” non se tiveran destinado a “recursos humanos, contratar máis xente para atender o servizo ou recursos móbiles, no noso caso, ambulancias de urxente”.

Denunciou que se estivera “desprestixiando gratuitamente” un servizo fundamental como o 112 e subliñou que se o 112 e o 061 funcionan “é grazas aos profesionais que hai neses servizos, non grazas a quen nese momento manda neses servizos, porque moitas veces nin queren escoitar a ese profesionais”.

Ademais reiterou a denuncia respecto das demoras nos servizos, “no noso caso nas urxencias médicas” e alertou de que “iso é gravísimo”.

Volver