Suspendidos os paros en Atento tras alcanzarse a un acordo coa empresa

A sección sindical da CIG subliña que este pacto só foi posíbel grazas á mobilización e ao esforzo do persoal

A Coruña -

O comité de Atento vén de suspender os paros e as mobilizacións que se estaban a realizar os luns de cada semana dende o pasado 28 de maio, tras lograrse un acordo coa empresa no marco da mediación no AGA. Dende a sección sindical da CIG destacan que este entendemento só foi posíbel “grazas ao esforzo e ao valor das traballadoras e traballadores que semana tras semana fixeron valer os seus dereitos e foron quen de manter vivo o conflito”.

A representación da CIG en Atento apunta que o acordo alcanzado non “é perfecto”, mais si é un bo comezo de cara a normalizar as relacións laborais na empresa e dar resposta á táboa reivindicativa do persoal no referido aos despedimentos arbitrarios, ás sancións inxustas, aos abusos da mutua, á imposición das vacacións, á falta de formación adecuada, a toma de medidas para garantir o correcto funcionamento das aplicacións ou no relativo á carga de traballo e ao establecemento de obxectivos inalcanzábeis.

O acordo ten a mesma categoría normativa que o convenio colectivo

Neste senso, matizan que os paros fican suspendidos até o 6 de novembro, data na que terá lugar unha nova xuntanza coa empresa para valorar o cumprimento dos compromisos asumidos no acordo. Esa xornada, Atento tamén deberá presentarlle ao comité solucións sobre o punto das demandas referido ao tempo entre chamadas e ao tempo administrativo.

A CIG en Atento subliña que o acordo, alcanzado na mediación a través do AGA, ten a mesma categoría normativa que o convenio colectivo, e polo tanto, será publicado no BOP, polo que o seu incumprimento por parte da empresa tería consecuencias.

21 semanas de mobilizacións constantes

Para as delegadas e delegados da CIG chegar a este punto só foi posíbel grazas á mobilización e ao esforzo dos traballadores e traballadoras que durante 21 semanas secundaron paros, concentracións e varias folgas de 24 horas. “Esa forza foi a que nos axudou a non ceder até acadar o que consideramos condicións mínimas para poder seguir avanzando. Se tivésemos suspendido antes as mobilizacións o escenario sería radicalmente diferente”, valoran. A este respecto,  poñen o acento nas características do sector, altamente precarizado e no que as empresas “destacan por ser contrarias a chegar a acordos”.

Por iso, agradecen especialmente a “xenerosidade de quen semana tras semana, paro tras paro, folga tras folga, renunciaba a unha parte do seu salario para acadar esas melloras para todas e todos, sabendo que o camiño ía ser longo. Esta vitoria é ,sobre todo, das compañeiras e compañeiros”, afirma a sección sindical.

Así mesmo, lembran as dificultades e traballo pasado dende o inicio das mobilizacións en maio para manter a unidade de acción fronte ás trabas da empresa.

Volver