Suso Seixo: “Temos o firme convencemento de que a continuidade está garantida”

Rendeu homenaxe, entre aplausos e cos/coas asistentes en pé, a toda unha xeración que ergueu a central
Nacional - 29 Mai 2017

» ACCEDE AQUÍ AOS VÍDEOS DO VII CONGRESO 

Suso Seixo, secretario xeral da CIG nos últimos 16 anos, despedíase onte dos compañeiros e compañeiras que participaron no VII Congreso rendendo homenaxe a todas e todos os que axudaron a erguer este proxecto colectivo. Un por un foi pedindo que subiran ao escenario para, en representación de todos, dirixirse a un pleno que se puxo en pé e entre aplausos recoñeceu o labor, o compromiso e a valía daqueles que, con todo en contra, foron quen de construír a maior organización social coa que conta o nacionalismo galego para defender os nosos dereitos laborais, sociais e nacionais.

A maiores dos compañeiros aos que o recén elixido secretario xeral, Paulo Carril, chamou ao escenario porque causaban baixa da Executiva Confederal, Ramiro Oubiña, Francisco Miranda Vigo, Antolín Alcántara, Manuel Currás, Anxo Pérez Carballo ou Anxo García, Suso Seixo pediu que o acompañaran tamén unha representación de compañeiros da mesma xeración que veñen de deixar, ou están a piques de facelo, os seus cargos como secretarios nacionais de federacións, comarcas ou que formaron parte da Executiva Confederal, nomeadamente a Rafael Iglesias, Etelvino Blanco, Moncho Losada, Luís Burgos, Serafín Otero, Emilio Cagiao Deive (Milocho), Anxo Louzao, Xosé Piñeiro, Moncho Boán, Tano, Carlos Vázquez, Acuña, Manuel Mera.

Discurso de Suso Seixo:

Representamos unha xeración que na década dos setenta, en plena crise económica e política, nos últimos anos da ditadura franquista, lanzouse a constituír sindicatos propios, en diferentes sectores, facendo valer o principio de autoorganización. A constitución destes sindicatos non foi algo espontáneo ou feito ao chou, senón froito dunha análise marxista da realidade socioeconómica galega, do papel colonial que cumpría Galiza no marco do Estado Español e as condicións específicas que iso creaba no proletariado galego (baixos salarios, alta precariedade, baixo peso do sector industrial,  moita emigración, forte espolio do noso aforro e da nosa enerxía, industria de enclave, ….).

Precisábase pois de organizacións propias que ofrecesen alternativas a esta realidade específica da clase traballadora galega e que rachasen polo tanto coa visión centralista, homoxeneizadora e negadora desta realidade que tiñan as centrais sindicais actuantes en Galiza. No noso país, a loita do proletariado galego pola súa liberación como clase estaba, está e segue a estar, intimamente ligada a loita pola soberanía como pobo, non é posíbel acadar unha sen a outra.

Todos aqueles sindicatos que se foron creando nese momento, con procedencias diversas, pero todos eles fieis ao principio de autoorganización da clase obreira galega, claramente enfrontados xa daquela ao modelo de sindicalismo de Pacto Social que empezaban a practicar CCOO e UGT, permitiu conformar, ao longo destes anos, o que hoxe a CIG.

Estamos a falar pois dun proxecto sindical construído en circunstancias moi adversas, un proxecto sindical diferente, alternativo, en claro confronto co poder político e económico, nunha nación como a galega con moi baixa conciencia nacional e autoestima. Se nestas circunstancias conseguimos acadar o nivel de representatividade que hoxe temos, ata situarnos como primeira central sindical de Galiza, débese á nosa coherencia no traballo sindical e á entrega militante de miles de compañeiras e compañeiros.

Todo isto proceso lévame a facer e a compartir con vós tres reflexións:

1ª.- Temos que darlle moito valor ao que colectivamente construímos nestes anos. Ao que a CIG representa non mundo do traballo en Galiza. A CIG é un proxecto sindical que nos transcende a nós como delegados/as, como cadros e como dirixentes da central sindical. Penso que non esaxero se digo que hoxe a CIG é un proxecto sindical que é patrimonio clase traballadora galega e do propio movemento nacionalista galego no seu conxunto, o cal implica unha especial responsabilidade no noso traballo sindical diario e tamén á hora de resolver as discrepancias ou diferenzas que poidan aparecer no seo da central sindical.

2ª.- Un proxecto sindical como o que a CIG representa, o espazo que ten gañado na clase traballadora galega, só ten futuro, só é sostíbel, se segue a ser fiel aos seus principios nacionais e de clase. Camiñamos cara un modelo de sociedade cada vez máis individualista e insolidaria, máis inxusta e antidemocrática, cunha forte ofensiva do capital á hora de recortar dereitos, precarizar o mercado laboral e debilitar á clase traballadora, na busca  de incrementar así o seu poder e a súa marxe de beneficios. Nunha sociedade galega, ao mesmo tempo, cada vez máis españolizada, o cal para nós como nacionalistas non é un problema menor.

Estamos a falar pois, dunha sociedade na que a explotación e a loita de clase segue a estar moi presente, da necesidade da nosa soberanía como pobo tamén, o cal non só non fai prescindíbel o noso proxecto sindical senón que o fai absolutamente necesario e imprescindíbel.

3ª.- É fundamental polo tanto politizar e ideoloxizar os debates e as alternativas, entre a nosa afiliación e no seo das empresas. Falar da situación de dependencia de Galiza, das consecuencias que iso ten para o pobo traballador galego e cales son as alternativas; falar do modelo de sociedade que representa o sistema capitalista e a que intereses de clase responde ou falar da necesidade de conquistar novos modelos de organización económica e social que respondan realmente aos intereses da clase traballadora galega.

Pero para poder levar adiante este traballo, compañeiras e compañeiros, é fundamental a formación e o compromiso político e ideolóxico co nacionalismo, coa conciencia de clase, dos cadros do sindicato, dos seus liberados e liberadas, dos seus dirixentes, pois se non é así, á larga, podemos terminar integrados e convertidos nun axente máis do sistema, como xa de feito o están a ser outros.

Por último, abusando un pouco da vosa paciencia, quixera rematar a miña intervención coa lectura dun pequeno poema, que aparece no último CD da cantautora galega SÉS, e do que é autor o escritor e xornalista uruguaio, Carlos María Gutiérrez – militante perseguido, encarcerado e exiliado pola súas ideas políticas – poema no que rende homenaxe a aqueles compañeiros e compañeiras que caeron loitando por unha sociedade máis xusta.

No movemento obreiro en xeral, e no galego en particular, temos moitos casos deses, sirvan de exemplo, Amador Rei, Daniel Niebla ou Moncho Reboiras. Este poema ademais, por iso quero compartilo con vós neste momento de despedida, destaca valores fundamentais para o movemento obreiro, como son: a perspectiva histórica e continuada da súa loita e o carácter colectivo e solidario da mesma.  O poema di así:

Mi tumba no anden buscando

porque no la encontrarán,

mis manos son las que van

en otras manos tirando,

mi voz, la que está gritando

mi sueño, el que sigue entero.

Y sepan que solo muero

si ustedes van aflojando

porque el que murió peleando

vive en cada compañero

Os e as que comenzamos, a primeiros dos anos setenta, esta grande obra colectiva de autoorganización da clase traballadora galega, que hoxe representa a CIG, temos o firme convencemento de que a súa continuidade está garantida porque vive no traballo e no compromiso de todas e todos vós.

Compañeiras, compañeiros, foi para min un orgullo ser o secretario xeral da CIG durante dezaseis anos e compartir con vós todos estes anos de loita e militancia. Ata sempre, moito ánimo e moitos éxitos.

 

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA.

 

VIVA A CIG.