Suprimen unha unidade no CEIP Mesón do Vento, de Ordes, e agrupan o alumnado de educación infantil nunha única aula

A CIG-Ensino denuncia tamén que no IES Maruxa Mallo hai aulas que acadan os 35 grados de temperatura

Compostela -

A CIG-Ensino denuncia a decisión da Consellaría de Educación de suprimir unha unidade de educación infantil no CEIP Mesón do Vento, en Ordes. Ademais a Consellaría de Educación pretende suprimir no mesmo concello a escola unitaria de Merelle. Estas medidas, coas que se suprimirán tres docentes, supoñen un novo recorte que se suma á xa longa listaxe de centros afectados por continuas reducións nos cadros de persoal.

A Xefatura Territorial comunicou esta decisión ao profesorado e ás familias na última reunión do Consello Escolar Municipal. A CIG-Ensino xa lle trasladou aos responsábeis da Consellaría de Educación o rexeitamento a esta supresión no CEIP Mesón do Vento que terá como consecuencia o agrupamento dos rapaces e rapaces de 3, 4 e 5 anos.

Para a CIG-Ensino, está decisión redundará nunha peor calidade do ensino e no empeoramento das condicións de traballo dos e das docentes.

Por iso exixe á Consellaría de Educación que manteña o número de unidades que existe na actualidade, tendo en conta que as previsións de matrícula para o curso 2017-2018 xustifican a súa continuidade.

Aulas con 35 grados

Xunto a isto, a CIG-Ensino denuncia tamén o problema de habitabilidade que ten o IES Maruxa Mallo no que a partir de maio hai aulas que chegan a acadar os 35 grados, con 51 metros cadrados e con até 32 alumnas e alumnos. A CIG-Ensino demanda da Consellaría de Educación unha solución para o próximo curso e que se reduzan as ratios de alumnado por aula para non agravar o problema.  

Volver